BNG defende axudas para a agricultura ecolóxica

Con fondos propios da Xunta de Galicia

Lugo/BNG | O Bloque Nacionalista Galego celebrou en Lugo un acto informativo xunto con produtores de agricultura ecolóxica, no que se valorou a situación pola que está a pasar o sector debido á falta de previsión da Consellaría de Medio Rural á hora de destinar as suficientes partidas orzamentarias para garantir as axudas a esta modalidade de produción.

A xornada de traballo contou coas intervencións de Ana Miranda, deputada no Parlamento Europeo, o portavoz de Agricultura e Gandaría do BNG no Parlamento Galego, Xosé Luis Rivas “Mini” e a portavoz de Desenvolvemento rural do BNG no Parlamento Galego, Carme Aira. As e o nacionalista defenderon que Medio Rural ten que aumentar os fondos das axudas para cubrir toda a demanda.

Ana Miranda explicou que o Partido Popular á fronte da Xunta non quixo prever a grande afluencia de solicitudes para sumarse á agrogandaría ecolóxica “con arredor de 12.000 novas hectáreas para a incorporación en ecolóxico, o Goberno galego só reservou 3,18 millóns cando precisaba 5,6 millóns; iso chámase falta de planificación e actuar cun descoñecemento de quen vive do noso agro”

Neste senso, a eurodeputada sinalou que “o Goberno galego ten que ser flexible e non deixar a ninguén atrás, a ningunha das persoas que cumpre o que se pide desde Europa para desenvolver a transición ecolóxica”.

De igual modo, o deputado do BNG Xosé Luís Rivas “Mini” destacou a urxencia de completar con fondos propios as axudas á produción ecolóxica “desde o BNG témolo claro, hai que destinar 2M€ con fondos propios da Xunta para non deixar no precipicio ás persoas produtoras, as que xa tiveron que pagar diferentes gastos para iniciarse a este modelo e puxeron os seus recursos en risco”.

Rectificación
Ante isto, o deputado volveu a reclamar á Consellaría de Medio Rural que rectifique e que “non faga pagar os seus erros de falta de previsión e xestión ás persoas que dan de comer á sociedade e coidan o noso campo” Por outra banda, a deputada Carme Aira incidiu na necesidade doutra política agraria “o obxectivo do Partido Popular é acabar coas pequenas explotacións agrogandeiras, e en definitiva co rural, por isto o BNG defende unha verdadeira reforma estrutural do sector que poña Galiza na vangarda e a altura de Europa”.