Ourense | Carme da Silva, senadora do BNG, visitou a cidade de Ourense para presentar varias iniciativas onde solicita da implicación do Goberno do Estado para garantir o desenvolvemento social e económico da cidade, a través de proxectos estratéxicos.
Da Silva comprométese a defender o futuro da cidade de Ourense e pedirá ao executivo estatal dun maior compromiso para impulsar actuacións tan demandas como o saneamento do Barbaña e a construción da EDAR de San Cibrao, o traslado da estación de mercadorías ao Polígono de San Cibrao e asegurar que a construción da variante exterior non prexudique ao conxunto da veciñanza, en especial aos veciños de Peliquín nin aos de Seixalbo.
A senadora estivo acompañada polo portavoz municipal do BNG na cidade de Ourense, Luís Seara, o portavoz na Deputación, Bernardo Varela, e a deputada nacionalista no Parlamento de Galiza, Noa Presas.
Esta última, puxo en valor o traballo que está a realizar a senadora nacionalista nas Cortes que “exerce como senadora por Ourense para garantir que todas aquelas cuestións que foron incumpridas e abandonadas polas forzas estatais saian adiante”.
Para o BNG, sinala Presas, son cuestións que forman parte do traballo político da organización sendo o reequilibrio territorial unha cuestión prioritaria. “Precisamos que desde Madrid se desbloqueen infraestruturas que son absolutamente estratéxicas e seguiremos presionando desde as Cortes e coa forza que temos nos concellos, na Deputación e mesmo coa representación reforzada que temos no Parlamento Galego” afirma.
“Ourense precisa e merece infraestruturas que permitan o impulso industrial e a avanzar nunha cidade para todas. Mais, para este obxectivo, o Goberno do Estado ten tamén a responsabilidade de levar a cabo unha serie de actuacións fundamentais para fomentar e contribuír o desenvolvemento social e económico” afirma a senadora do BNG.