BNG denuncia a falla de orzamento no Programa das tarxetas moedeiro en Ourense

“Correspóndelle á Xunta a xestión do programa que denegou a máis de 70 familias de Ourense”

Ourense | O grupo parlamentario do BNG vén de rexistrar unha serie de preguntas dirixidas á Xunta de Galicia e relativas á xestión do Programa das tarxetas moedeiro e concretamente á incidencia que o mesmo está a ter no Concello de Ourense.

O deputado Iago Tabarés, un dos autores da iniciativa, lembra que “no Consello Territorial de Servizos Sociais celebrado o 15 de decembro de 2021, acordouse por unanimidade retomar a aplicación do sistema de tarxetas moedeiro para que familias en situación de extrema vulnerabilidade con nenos, nenas ou adolescentes a cargo poidan adquirir alimentos e produtos de primeira necesidade”.

Tabarés incide en que “as persoas beneficiarias poderán acceder de xeito directo a alimentos frescos, alimentación infantil e produtos básicos de hixiene, nun programa que esencialmente é financiado con cargo a fondos europeos”.

O deputado Tabarés, denuncia que “a realidade é que, segundo as informacións achegadas polo Concello de Ourense, a mediados de decembro, a máis de 70 familias de Ourense foilles denegada a solicitude de tarxetas moedeiro, sendo en máis dun 70% dos casos debido a falla de orzamento no programa” e engade, “xa que logo non é a inexistencia de necesidade ou de situación de vulnerabilidade a que determina ou determinou a denegación da tarxeta básica, senón a inexistencia de crédito de abondo para atender ás familias ourensás en situación de extrema vulnerabilidade”.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.