O Porriño | O venres 6 de maio ás 19:30h no local da Asociación San Salvador, o Bloque organiza un ACTO ABERTO Á VECIÑANZA para informar de primeira man das reunións mantidas con Zona Franca e cos distintos colectivos veciñais e do sector do transporte e explicar así a nosa posición contraria a un proxecto que pode supor un alto custo social e ambiental para a parroquia de Torneiros.
O centro de servizos que Zona Franca pretende construír en Torneiros está pensado como unha grande área de descanso dotada de equipamentos para dar servizo ás persoas profesionais do transporte. As 25 hectáreas anunciadas para a súa construción non teñen parangón na Galiza para unha infraestrutura destas características.
Un proxecto opaco e sobredimensionado que non conta a día de hoxe co pertinente estudo de necesidades. O espazo que se pretende ocupar afecta pola súa proximidade tanto a vivendas particulares como ao polígono residencial de Torneiros. Ocuparíanse tamén terreos inundábeis e bosques de ribeira do río Louro, e os seus regos, hábitats de conservación prioritaria para a Unión Europea.
Somos coñecedoras da demanda do sector do transporte de contar cun lugar para poder estacionar e descansar na contorna de Vigo, necesaria para evitar molestias á veciñanza e dignificar a profesión, mais non nos parece que a opción escollida sexa acaída, nin pola ubicación nin pola súa dimensión.
Entendemos que as alternativas pasan por espazos nos que non se precise degradar máis o territorio. Torneiros, unha parroquia afectada tanto pola presenza de industria química e lindano, como polas liñas de alta tensión e vías de comunicación que a atravesan, non pode ser de novo a sacrificada nunha operación destas características. Desde o Bloque defendemos tamén protexer o Louro e o seu ecosistema, altamente afectado polo desenvolvemento industrial descontrolado do pasado mais que ten amosado un poder rexenerativo que o pode converter no pulmón verde que O Porriño precisa, se conta coa protección necesaria por parte das administracións públicas.
O Pleno aproba a moción presentada polo BNG
Na moción aprobada por unanimidade no último pleno rexéitase o Centro de Servizos ao Transporte presentado por Zona Franca para Torneiros e ínstase á Xunta a que non aprobe o proxecto sectorial necesario, dado a súa incidencia supramunicipal. O Concello do Porriño ten que dar traslado destes acordos á Consellería de Infraestruturas da Xunta de Galicia e a Presidencia do Consorcio da Zona Franca de Vigo.
É unha boa nova que PP e PSOE votaran a favor da nosa moción pero deben trasladar o compromiso aos seus respectivos partidos, o PSOE por ser o promotor do proxecto desde a Zona Franca e o PP porque a Xunta ten a competencia para autorizar ou non os permisos precisos para podelo executar.
O BNG tense posicionado sempre a favor de protexer urbanísticamente a zona onde Zona Franca proxecta instalar esta infraestrutura. No seu momento, presentamos alegacións ao PXOM aprobado polo PP no 2003, que hoxe continua en vigor, para que non fosen contemplados como industriais os terreos máis próximos ás vivendas e así protexelas da actividade industrial co cordón verde que representa o río Louro e o seu ecosistema.