Ourense | O BNG sumouse ao PP e á deputada tránsfuga, Montse Lama, e votou en contra de que a Xunta e o Goberno central subvencionen o elevado prezo dos trens Avant entre Ourense e Santiago.
Os nacionalistas negan así a necesidade de igualar estas tarifas coas dos trens de media distancia do Eixo Atlántico, que son un 70 % máis baratos tras unha decisión política en 2015 da exministra do PP, Ana Pastor, que supuxo unha “discriminación co interior de Galicia”.
O tren entre Compostela e Ourense custa actualmente 16 céntimos por quilómetro, mentres que entre a capital galega e Vigo ou A Coruña custa 9 céntimos por quilómetro. A moción que nacionalistas e conservadores rexeitaron, instaba á Xunta e aos ministerios de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana e para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a subvencionar estes trens, “pola súa importancia para loitar contra o problema demográfico”. Igualmente pedía a Renfe restablecer todas as frecuencias ferroviarias recortadas en Galicia por mor da pandemia.
“O tren entre Compostela e Ourense custa actualmente 16 céntimos por quilómetro, mentres que entre a capital galega e Vigo ou A Coruña custa 9 céntimos por quilómetro”
O voceiro, Rafa Villarino, asegurou que a proposta é unha “iniciativa de xustiza” para que sexa efectivo “o reequilibrio territorial do que tanto se fala pero que pouco se cumpre”, xa que estamos ante un caso de “discriminación de Ourense” e de “falta de xustiza distributiva”.
“Para axudar a esta provincia só teñen un camiño, votar a favor, e votar non é nin de bos nin de malos”, insistiu, antes de amosar o seu “asombro” tras ver ao BNG criticar que a Xunta subvencione estes trens cando o propio Bloque, formando parte do goberno bipartito galego, aprobou en 2007 subvencións aos servizos de media distancia en toda Galicia, mediante un convenio asinado con Renfe.
A diferenza nos prezos entre o interior e a costa galega “ten que ver cun movemento político que fixo no seu día Ana Pastor, quen eximiu á liña da costa galega do que si se fixo en todas as demais liñas de alta velocidade”. “O goberno do Estado no pode facer hoxe o mesmo xa que implicaría novas discriminacións”, matizaron desde o PSdeG-PSOE, polo que cren “adecuado” adoptar esta “medida realista” compartida entre administracións, “similar a do goberno de Castela e León” e ao igual que xa fixo a propia Xunta no pasado.
“O Avant Ourense-Santiago é actualmente a terceira relación con máis viaxeiros punto a punto de Galicia”
O Avant Ourense-Santiago é actualmente a terceira relación con máis viaxeiros punto a punto de Galicia. En 2019 sumou 306.800 persoas, estando por diante as relacións A Coruña-Santiago (1.187.300) e Santiago-Vigo (352.400). A relación Ourense-A Coruña do mesmo servizo tivo 187.400 viaxeiros. Polo tanto, case medio millón de persoas empregaron o Avant ata Ourense ese ano.