BNG e PSOE abandonan un tenso pleno municipal en Ponteareas

Denunciaron “actitudes antidemocráticas” da Alcaldesa, quen acusoulles de non respectar o regulamento das sesións plenarias

Ponteareas | Un accidentado pleno municipal este 28 de xaneiro no Concello de Ponteareas evidenciou a tensión política existente rematando co abandono do BNG e do PSOE acusando á Alcaldesa Nava Castro de “actitudes antidemocráticas” por presuntamente “alterar o funcionamento democrático da sesión plenaria” en relación ás quendas de palabra e intervencións do/as concelleiro/as.

“Non imos tolerar as mentiras descaradas nin os ataques infundados do goberno da dereita coa intención de crispar os plenos e de despregar unha cortina de fume que oculte o desastre da súa acción de goberno”, sinalaron BNG e PSOE.

Mediante comunicado, o goberno municipal presidido por Castro lamentou e condenou a “deriva na que está sumido o BNG de Ponteareas” criticando a súa postura de interromper e non deixar terminar a intervención completa do voceiro do Grupo Municipal do PP, Francisco José Represas. Considerou o goberno municipal que esta “actitude pueril” do BNG “prexudica gravemente á imaxe do Concello” debido ao incumprimento do Regulamento Orgánico Municipal. Tralo abandono do BNG e PSOE, Castro outorgou a quenda de intervención a Ponteareas en Común para avanzar na orde do día do pleno.

BNG e PSOE denunciaron que Nava Castro aproveitou a sesión para utilizar “un novo sistema tecnolóxico co que impide que as concelleiras e concelleiros poidan activar os micrófonos para defenderse das acusacións do goberno”. Toda vez criticaron a actitude de Castro de “permitir ao portavoz do PP verter difamacións e calumnias sobre a labor e compromiso do anterior goberno do BNG e o PSOE en Ponteareas”.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.