Ourense | Para o BNG, o acontecido esta mañá nas instalacións da CRTVG co gallo do debate electoral programado entre as forzas políticas que contan actualmente co representación no salón de plenos do Concello de Ourense e no que nin PP nin PSOE compareceron e no que Gonzalo Pérez Jácome, de DO, decidiu ausentarse, “é dunha falta total e absoluta de respecto á veciñanza de Ourense”.
O candidato nacionalista Luís Seara, quen sí participou do debate, manifestou sentirse “avergoñado primeiro como veciño deste Concello e tamén como candidato e o primeiro que quero facer é pedir desculpas á veciñanza que tivo que soportar semellante bochorno”.
Seara manifestou esta tarde en rolda de prensa que “estamos no tempo da política, no tempo de contrastar as nosas propostas e as nosas ideas e facelo ademais con transparencia para que todo o mundo poida saber cal é a nosa oferta electoral e o noso proxecto de cara o vindeiro mandato”.
Para o candidato do BNG, o acontecido esta mañá “ten que ver co feito de que PP, PSOE e DO, teñen máis que ocultar que o que teñen que ofrecer ao conxunto das veciñas e veciños”.
Luís Seara quixo remarcar que “nós decidimos acudir a todos os debates aos que nos conviden e é o que estamos a facer xa que o que queremos é falar de política con maiúsculas, do proxecto transformador que temos no BNG para Ourense pois este é o momento da política, é o momento do contraste das ideas e de enunciar as propostas de futuro”.