Ponteareas/BNG | O BNG vén de lamentar “o escurantismo, a deslealdade e as mentiras do PP e Nava Castro” sobre a localización dos novos terreos ofertados á Xunta de Galiza para a construción do novo centro de saúde.
Grazas á aprobación do Plan Urbanístico Ponteareas conta cunha inmellorábel parcela para acoller o futuro Centro de Saúde, ao pé da N-120, a carón do acceso ao barrio de San Vicente e Canedo e dentro do centro urbano, sen custo para o Concello. “Esta parcela foi ofrecida á Xunta hai case dous anos, analizada pola propia Unidade Técnica da Xunta, e foi a mellor valorada, por diante dos terreos situados no Alto da Gloria, que son os que propón agora o goberno de Castro”, lembra o BNG.
O Bloque condena que esta nova proposta de localización é unha decisión “unilateral do goberno de Castro, que non dialogou nin informou aos grupos políticos da Corporación deste paso atrás nos trámites realizados e da proposta ás présas dunha nova parcela. O goberno liderado polo BNG sempre mantivo informados aos grupos políticos dos pasos dados, mesmo convocando reunións para buscar o máximo consenso da corporación. Agora, ante unha decisión transcendental para o futuro de Ponteareas, Nava Castro actúa ás caladas coa corporación e centrándose na propaganda e na manipulación para ocultar os seus verdadeiros intereses”.
Como xa fixera no pasado mes de setembro, o BNG achaca estas présas e “o escurantismo do PP aos seus intereses de que o novo centro se constrúa nun espazo con vínculos familiares coa concelleira do PP Raquel Plana, nuns terreos situados na contorna dunha clínica privada coa que ela garda relación directa. Así, poñen este trato de favor por diante das análises realizadas polo propio equipo técnico da Xunta que valorou como máis idónea a parcela da N-120. A desvergonza do PP non ten límites: agora pretenden favorecer á mesma concelleira e coordinadora do Centro de saúde que hai uns meses quixeron protexer por razóns políticas utilizando sen escrúpulos a morte dunha persoa e acusando a quen non tiña culpa”, critica o BNG.
Ante estas evidencias, o Bloque adiantou que solicitará formalmente a convocatoria extraordinaria dunha comisión informativa para esclarecer a situación e, de ser o caso, depurar responsabilidades.
En relación ás acusacións do PP de “parálise e bloqueo”, o grupo nacionalista considera que forman parte da manobra de distracción dos populares, xa que, lembran, “entre as continuas comunicacións entre a ex alcaldesa e o conselleiro, tras as reunións mantidas a nivel político e técnico, o propio conselleiro de Sanidade do PP na Xunta recoñece e agradece á ex alcaldesa ”.
O Bloque aclara que “os técnicos da Xunta e o propio conselleiro confirmaron a idoneidade desta parcela por contar cunha gran superficie, ben comunicada, a apenas un minuto da Estación de Autobuses e que permite achegarse a pé dende o centro da vila nun percorrido completamente plano e sen pendentes, a diferenza do que acontece co actual Centro de Saúde”. Por último, o BNG mantén a súa posición de que o que urxe neste momento en Ponteareas son médicos e médicas. “Xa está ben de que o PP menosprece a saúde das e dos ponteareáns, utilizando o novo centro de saúde como distracción para ocultar a súa política de deterioro da sanidade pública que mantén afundido o centro de saúde actual”, conclúen.
Segundo esta información, o convenio sería posible “trala visita dos técnicos e do xerente do SERGAS á parcela localizada na rúa Trovador Xoán García de Guillade”, lugar onde se tería planificado construír o novo Centro de Saúde de Ponteareas. Non obstante, fontes informativas do propio Concello de Ponteareas nin confirmaron nin desmentiron esta información aludindo que a mesma “non saiu do gabinete de comunicación” do goberno local. Tampouco existe información relativa sobre este tema na páxina web da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia.