Ponteareas/BNG | A deputada do BNG no Parlamento, Cristina Fernández Davila, preguntou este xoves ao goberno galego que accións vai levar a cabo para garantir os dereitos sanitarios da poboación das comarcas do Condado e A Paradanta, “que soportan a falta de pediatras e médicas suficientes para atender á veciñanza como consecuencia do desmantelamento da sanidade pública programado polo PP na Xunta”.
Cristina Fernández fixo fincapé en Ponteareas e A Caniza, por seren os Puntos de Atención Continuada (PAC) de referencia para as comarcas do Condado e a Paradanta. “O centro de saúde e o PAC de Ponteareas levan xa anos nunha situación de caos e de colapso debido á falta de persoal médico e sanitario suficiente, o que provoca que a veciñanza ponteareá teña que agardar até 5 semanas por unha cita cun médico ou médica de familia”, sinalou.
Así mesmo, a parlamentaria mencionou outros centros de saúde, como As Neves, “con máis dunha semana agardando unha cita, Mondariz ou Salvaterra de Miño, cunha situación precaria con vacantes sen cubrir dende decembro, o que provoca atrasos superiores aos 15 días nas citas”.
Fernández exemplificou esta situación amosando varias citas reais, destacando as relativas á Unidade de Saúde Mental en Ponteareas, onde a veciñanza ten que agardar máis dun ano para ser atendida polo psicólogo. “É indecente e inmoral que as persoas usuarias que precisan apoio teñan que agardar máis dun ano pola súa cita co único psicólogo do servizo, mentres o goberno do PP presume de que atención media se produce en 58 días”, denunciou a deputada do Bloque.
En canto aos concellos adscritos ao PAC da Caniza, Cristina Fernández denunciou que “a falta de atención pediátrica no rural é unha constante en toda Galiza, pero no caso da Caniza, Crecente e Arbo non dispoñen de pediatra a tempo completo, e ademais no caso das crianzas de 0 a 3 anos teñen que desprazarse a Ponteareas ou Vigo por non contar con profesionais que as atendan. A Xunta despraza tamén ás familias que precisan atención pediátrica en Covelo, Mondariz e Mondariz Balneario, por falta de persoal nos seus centros de saúde”.
“Estamos ante un problema dunha enorme magnitude, que provoca moito sufrimento a centos de persoas, e non se pode abordar nin con propaganda nin con anuncios dun novo edificio futuro, senón con medias concretas inmediatas e con recursos económicos e humanos”, afirmou Cristina Fernández, que agradeceu o traballo da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Condado e a Paradanta ante unha delegación desta que asistiu ao Parlamento.