Celanova (Ourense) | O deputado por Ourense, Iago Tabarés, e o portavoz do BNG Celanova, Leopoldo Rodríguez, participaron este sábado nunha mesa informativa con militancia do BNG en Celanova e trasladaron ás veciñas e veciños o sentir nacionalista a respecto da invasión de proxectos de instalacións eólicas que está a sufrir o país e, en particular, a súa preocupación polas afeccións concretas do proxecto no Monte da Neve, que, de levarse adiante, terá impactos severos para a paisaxe, o patrimonio cultural da vila e a saúde e mesmo as economías das poboacións máis próximas aos aeroxeneradores.
“Desde o BNG apostamos polas renovábeis, mais entendemos que este bum eólico que estamos a padecer non serve aos intereses do país. No ano 2019 instalouse na Galiza tanta potencia eólica como durante toda a década anterior, pero iso non significou termos unha tarifa eléctrica galega nin gozar de participación pública nos beneficios nin para fomentar o autoabastecemento”, dixo Iago Tabarés na praza Maior de Celanova esta mañá, xunto a dúas ducias de militantes nacionalistas entre os que se encontraban o responsábel comarcal, Manuel Ferro, e militancia de Galiza Nova.
“Vai sendo hora de que o Concello dea a información que ten sobre o proxecto. Entre outras cousas, porque así se acordou nun pleno hai cinco semanas. E temos que ser nós, o BNG, quen se presente na rúa dar esa información que o Concello non quere dar”, subliñou Leopoldo Rodríguez, quen insistiu nos elementos da oposición nacionalista á instalación dos sete aeroxeneradores e destacou entre eles que en Alemaña “a distancia legal entre os aeroxeneradores e as casas que para este tipo de instalacións é o dobre que a que temos aquí”, e que “ao redor da perimetral dos polígonos as fincas e as casas perden, segundo estudos noutros países, entre un 30 e un 50% de valor”.
“Vai sendo hora de que o Concello dea a información que ten sobre o proxecto. Entre outras cousas, porque así se acordou nun pleno hai cinco semanas. E temos que ser nós, o BNG, quen se presente na rúa dar esa información que o Concello non quere dar”
Leopoldo Rodríguez insistiu no feito de que o alcalde teña impedido mediante unha resolución que se poida divulgar o informe municipal arqueolóxico, “despois de asegurar por dúas veces no pleno que ese informe di “practicamente” o mesmo que o informe da empresa, e cando puidemos comprobar que di moitas cousas máis. A xente ten dereito de coñecelo xa”.
“A cidadanía é consciente de que Galiza non pode ser simplemente un lugar onde se espolien recursos para engordar a conta de resultados das grandes compañías eléctricas”, resumiu o deputado Iago Tabarés para encadrar a loita contra o polígono eólico en Celanova no amplo movemento veciñal de oposición que agromou por todo o país.