Madrid/BNG | O deputado do BNG, Néstor Rego, criticou a continuidade das políticas do Executivo estatal no relativo a Estación Intermodal de Ourense e os plans do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana recollidos polo BOE. A organización nacionalista anunciou que presentarán unha iniciativa na cámara estatal para exixir a rectificación do goberno e asuma un proxecto de Intermodal digno para Ourense.
“Esta situación exemplifica, unha vez máis, a falta de compromiso e de diálogo dos gobernos centrais de PP e PSOE e a incapacidade das súas forzas políticas instaladas no territorio de defender os intereses de Ourense” comezou explicando o deputado, Néstor Rego. Así mesmo, lembrou que a terceira cidade máis grande do País atópase inmersa nun momento decisivo coa chegada da alta velocidade, posto que é a porta de entrada natural para o resto da Galiza debido a súa posición xeográfica. “O goberno do Partido Popular xa modificou o proxecto de Estación Intermodal incial aprobado e acordado entre as diferentes administracións: Goberno do Estado, Xunta e Concello” indicou Rego mentres enumeraba as modificacións que se produciron co paso do tempo.
“Esta situación exemplifica, unha vez máis, a falta de compromiso e de diálogo dos gobernos centrais de PP e PSOE e a incapacidade das súas forzas políticas instaladas no territorio de defender os intereses de Ourense”
“Concello, Xunta e Estado conformáronse cun proxecto ruinoso e perdendo unha oportunidade de solucionar as eivas existentes na actual estación de ferrocarril: a permeabilidade entre os barrios da Ponte e O Vinteún, o aproveitamento das vías ao carón da Ría Arnoia, a mellor xestión do tráfico e a redución da contaminación ambiental e acústica…” explicou Rego.
Coa publicación definitiva do “Estudo Informativo do proxecto nova estación intermodal de Ourense” faise constar a solución definitiva aprobada polo goberno socialista. Desde a organización nacionalista criticou que o executivo español “non rectificara, corrixira ou modificara o proxecto” posto que é o mesmo plan que tivo, e continúa tendo, un rexeitamento social por parte da cidadanía ourensá. Asemade, o deputado nacionalista destacou a necesidade de levar a cabo a construción dunha variante exterior e criticou ao Goberno central de non contar nos Orzamentos Xerais do Estado dunha partida suficiente para levala a cabo.
Rego concluíu a súa intervención afirmando a necesidade que ten Ourense de contar cunha infraestrutura digna para solucionar as demandas antes mencionadas e para facilitar un espazo de diálogo entre as administracións e a sociedade ourensá evitando que Ourense volve perder a “oportunidade histórica de desenvolvemento urbano”.