Santiago de Compostela/BNG | A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, salientou a importancia de empregar de forma axeitada os fondos de cohesión tendo en conta a situación de crise actual e o problema de despoboación que atravesa Galiza.
Neste sentido, defendeu a súa utilización para evitar a emigración da mocidade galega e facilitar o retorno das persoas que nos últimos anos emigraron debido ás precarias condicións de traballo, e que na última década ascenden a 216.413 persoas entre os 16 e os 54 anos.
“En Galiza a nosa mocidade vive unha emigración forzada para tentar optar a un traballo nunhas condicións menos precarias que as que existen no país. E a crise provocada pola pandemia non fixo máis que agravar a situación laboral da mocidade galega”, subliñou Ana Miranda durante a súa participación na mesa de debate “Xuventude e institución europeas”, que organizou ESN Santiago (Erasmus Student Network) con motivo do evento organizado polo Ano Europeo da Xuventude.
“Feijóo deixa á mocidade galega nunha situación terrible, cunha taxa de paro do 32% entre os menores de 25 anos, que segundo a última EPA sube ao 37,8% nos menores de 20 anos”, explica a portavoz do BNG en Europa, quen sinala ademais que das 216.413 persoas emigradas na última década da Galiza entre os 16 e 54 anos, delas 79.529 eran persoas entre 16 a 29 anos.
“A fuga de cerebros non é mobilidade voluntaria, non é turismo, senón que é unha marcha forzosa e obrigada por non ter oportunidades no propio país”, apuntou Miranda, ao tempo que defendeu a creación dun Plan de Emprego Xuvenil que garanta a inserción laboral da mocidade, tal e como defende Galiza Nova.
Novo Fondo Social Europeo Plus
Ana Miranda salienta que existe un novo fondo europeo, denominado Fondo Social Europeo Plus (FSE+), que entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2023 e do que Estado español terá que destinar obrigatoriamente o 12,5% dos fondos a emprego xuvenil.
“Lamentablemente aínda non se sabe canto lle corresponde a Galiza”, denuncia a portavoz do BNG en Europa, quen recorda que “a xuventude leva vivindo dúas crises consecutivas, a de 2008 e a actual, polo que xa deberiamos saber como se van a executar estes fondos”, defende.
Outro dos temas que afectan notablemente á xuventude aos que se referiu Ana Miranda na súa intervención é a mobilidade e o transporte sustentable. Ao respecto subliñou a necesidade da súa mellora “tendo en conta as continuas denuncias que fai a mocidade pola redución das frecuencias do tren e a ausencia dunha rede de tren de proximidade que facilite a mobilidade sen ter que depender dos coches privados”.