Aldea Global/BNG | A Executiva Nacional do BNG traslada os seus parabéns ao candidato a presidente do Pacto Histórico Gustavo Petro, que na primeira volta das presidenciais, -con Francia Márquez como candidata á vicepresidencia- proclamouse vencedor cun 40,32% dos votos.
Pese ao considerable aumento dos votos, ao pasar dos 4,8 millóns nas presidenciais de 2018 aos 8,5 obtidos onte, a segunda volta das eleccións celebrarase o vindeiro 19 de xuño.
Na primeira volta das presidenciais celebrada onte, a responsable de Relacións Internacionais da Executiva do BNG, Ana Miranda, participou como observadora na Misión de Observación Electoral do Grupo Interparlamentario pola Paz en Colombia.
Ao longo da xornada percorreu numerosos colexios electorais da área metropolitana de Medellín, onde constatou a ausencia de interventores e as dificultades de información en diversos centros de votación.
“Pese ao contexto de violencia vivido nos últimos anos, con desprazamentos forzosos, ameazas e ataques contra políticos e defensores de dereitos humanos, temos que destacar que a xornada electoral desenvolveuse de xeito máis pacífico do que cabía esperar, aínda que temos que lamentar o asasinato dunha xurado de votación mentres realizaba o desprazamento de material electoral no departamento do Meta, no que tamén resultou ferida outra persoa.”, salientou Ana Miranda tras voltar a Bogotá desde Medellín.
Cambio de época
De cara a segunda volta, Gustavo Petro enfrontarase ao empresario e político Rodolfo Hernández, -populista de dereitas ao estilo Trump-, que superou ao candidato oficial do uribismo, Fico Gutiérrez, ao obter un sorprendente 28,15%, dos votos.
Estas tres semanas que restan até a celebración da segunda volta serán cruciais na elección do primeiro presidente de esquerdas da historia de Colombia que permita rematar coa violencia e a salvaxe inxustiza social nun país no que a pobreza afecta a case 7 de cada 10 persoas.
“Dende a Executiva Nacional do BNG consideramos que a vitoria da esquerda nesta primeira volta é tamén un cambio de época en Colombia vencendo ao uribismo e que o Pobo colombiano quere un cambio baseado na paz con dignidade, a xustiza social, a protección do medio ambiente e a igualdade”, polo que dende a Executiva do Bloque fan un chamamento a apoiar a candidatura do Pacto Histórico.