BNG lamenta o falecemento da exconcelleira ponteareá Lola Covelo

Estivo no goberno municipal entre 2021 e 2023

Ponteareas/BNG | O BNG en Ponteareas expresou este venres a súa inmensa tristura ante o pasamento de Dolores -Lola- Covelo. O Bloque transmitiu a súa dor e o seu fondo pesar tras a perda “dunha gran persoa e dunha excepcional compañeira que estará por sempre na nosa memoria”, e trasladou o seu afecto e apoio á súa familia nestes difíciles momentos.

Lola Covelo foi concelleira do BNG na corporación municipal entre 2021 e 2023, asumindo no goberno a responsabilidade de Infraestruturas Básicas. Así mesmo, tiña participado activamente no Bloque nas últimas décadas, formando parte das candidaturas municipais e sendo integrante do Consello Local, o órgano de dirección da formación nacionalista na localidade.

Foi unha firme defensora da sanidade pública, loitando nos últimos anos contra unha enfermidade e participando nos movementos sociais para denunciar a situación precaria e de colapso da sanidade pública no noso país, reivindicando o dereito da cidadanía a unha atención sanitaria digna. Así mesmo, participou nos colectivos veciñais da súa parroquia de Ribadetea. “Foise unha gran compañeira e unha gran persoa, xenerosa e traballadora, comprometida coa súa parroquia, con Ponteareas e con todas as causas xustas”, lamenta o Bloque.

O BNG agradece publicamente as mostras de apoio e afecto que está recibindo nas últimas horas por parte de veciños e veciñas, así como de entidades sociais que están amosando o seu pesar por esta triste perda.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.