Ponteareas/BNG | O BNG reaccionou ao anuncio da licitación da redacción do proxecto dun novo mercado en Ponteareas, a instalar na Nave de Aceiros na Avenida de Galicia.
O BNG advirte que “o cese da actividade no actual Mercado suporá un grave prexuízo a todo o sector comercial do centro da vila, xa que provocará a perda de vitalidade nesta contorna”.
Ademais, o Bloque lembra que “xa existía un anteproxecto para transformar o Mercado actual nun novo espazo comercial para persoas produtoras e emprendedoras locais, referente de toda a comarca e adaptado ás necesidades actuais, con aparcadoiro interior, novos espazos gastronómicos, aulas de formación para comerciantes e unha estética moderna e funcional. Esta reforma integral estaba proxectada tras unha profunda diagnose coa participación de todos os axentes implicados.
Polo tanto, o PP e Nava Castro, co seu capricho apoiado polos independentes, están tirando ao lixo un traballo completo que foi pagado co diñeiro de todas e todos só porque foi ideado por un goberno do BNG”.
O Bloque lembra que na súa etapa á fronte do goberno conseguiu fondos europeos, logrou as autorizacións e puxo en marcha a rehabilitación da Nave de Aceiros para transformala nun novo equipamento sociocultural, cunha gran praza cuberta para a celebración de eventos ou feiras e con espazos pechados para aulas, salas de ensaio, conferencias, reunións ou obradoiros.
“O PP e os independentes preferiron solicitar unha modificación do proxecto e cambiarlle o uso para facer outro Mercado, perdendo tempo e diñeiro”, sinala a formación nacionalista. Na foto pode observarse a membros do goberno de Nava Castro reunidos cos praceiros dentro das instalacións en obras da Nave de Aceiros.