Mos/BNG | As obras do carril bici entre o Alto de Barreiros e Santiaguiño, en Mos, xa comezaron, pero moitos dos propietarios e propietarias das 93 fincas afectadas aínda non recibiron notificación.
O BNG advertiu por escrito, hai meses, de numerosas irregularidades na tramitación do proxecto, pero o goberno municipal fixo caso omiso e seguiu adiante coa licitación. O portavoz nacionalista no Concello, Gustavo Barcia, indica que en moitos casos “solicitáronse cesións voluntarias do terreo que non teñen validez legal”.
Explica que “neste tipo de obras non abonda cunha simple manifestación, a título privado, da cesión voluntaria, xa que estamos ante unha doazón e, polo tanto, faise necesaria unha formalización da mesma en documento público con todos os requirimentos de propiedade e identificación necesarios”.
Ante os erros identificados no expediente e as posibles consecuencias para a veciñanza afectada, o BNG vén de presentar un novo escrito solicitando a paralización da obra. “Dá a impresión de que o PP, ao actuar desta maneira, quere apropiarse dos terreos pola vía dos feitos”, denuncia Barcia, “evitando afrontar os trámites de expropiación e o correspondente pagamento dun xustiprezo”.
Lamenta, ademais, os obstáculos interpostos dende o goberno municipal para acceder á documentación e a falla de transparencia de todo o procedemento. “A alcaldesa mentiu no pleno cando afirmou que contaba con todos os documentos de cesión asinados, algo que agora sabemos que é rotundamente falso”, afirma o concelleiro.
“Unha nova chapuza do PP”
Á marxe das irregularidades identificadas durante a tramitación, o portavoz nacionalista considera que o carril bici é “unha nova chapuza do PP de Nidia Arévalo”.
O proxecto prevé o uso compartido da senda por parte de viandantes e ciclistas e en moitos tramos non haberá ningún tipo de separación física coa calzada pola que circulan os automóbiles.
Ademais, boa parte do traxecto coincidirá co Camiño Portugués a Santiago, nun tramo que soporta anualmente o fluxo de milleiros de peregrinos e peregrinas. “Lonxe de protexer ás persoas que camiñan pola beira da estrada, esta obra contribuirá a empeorar a seguridade viaria”, insiste Barcia. “E todo polas présas preelectorais e a obsesión pola foto do goberno do PP”, engade.