Mos/BNG | O presidente do Real Club Celta, Carlos Mouriño, abandonou definitivamente o seu proxecto para construír un centro comercial en Mos. Así o recoñeceu a propia alcaldesa, Nidia Arévalo, en distintas declaracións aos medios de comunicación e o recente anuncio do proxecto Galicia Sports 360 supón, na práctica, a renuncia a unha operación urbanística que contaba cunha ampla contestación social.
Para darlle encaixe legal a esta actuación, o goberno do PP aprobara, co rexeitamento unánime da oposición, unha modificación puntual do PXOM coa que se pretendía recalificar máis dun millón de metros cadrados de solo rústico.
Á vista dos acontecementos, o BNG entende que a modificación do Plan Xeral carece de sentido e por iso vai solicitar, no próximo pleno, a retirada da mesma. Distintos informes sectoriais, asinados por entidades como o Ministerio de Fomento, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil ou a Deputación de Pontevedra, puxeron en evidencia as múltiples irregularidades que o proxecto arrastraba a nivel urbanístico e ambiental.
O portavoz nacionalista no Concello de Mos, Gustavo Barcia, lamenta que “pese a todo, tanto o PP de Nidia Arévalo como o Celta seguiran cos seus plans levantando uns campos de fútbol e uns vestiarios en solo rústico, algo que unha sentenza en primeira instancia declarou ilegal”.
En reiteradas ocasións, os promotores da obra afirmaron que a área comercial era “irrenunciable”, xa que permitiría financiar a construción da cidade deportiva, pero acabaron asumindo que era inviable.
“Quedou claro o que sempre dixemos, que o único que querían era dar un pelotazo para enriquecerse a costa do monte e a auga da veciñanza”, indica Barcia. Galicia Sports 360 O pasado 16 de marzo, Carlos Mouriño presentou un novo proxecto que, en opinión do portavoz nacionalista, “non é máis ca un refrito do anterior”.
O presidente do Celta afirma que cumpre plenamente coa normativa urbanística, pero Gustavo Barcia desconfía das súas palabras. “Xa dicía o mesmo antes e os impulsores dos pelotazos sempre din que respectan a lei”, indica.
O anuncio realizouse, novamente, antes de negociar con ningunha das partes implicadas e o BNG entende que unha iniciativa deste tipo só pode saír adiante se conta coa aprobación de todos os axentes sociais implicados: comunidades de montes, traídas de augas, asociacións veciñais e partidos políticos. “De non ser así, o pleno debe rexeitar este proxecto, xa que o Concello non pode favorecer os intereses lucrativos duns poucos en contra da veciñanza nin antepoñer o diñeiro ao medio ambiente e o benestar das xeracións vindeiras”, advirte o concelleiro.