Mos/BNG | O goberno municipal someterá a votación, no próximo pleno, os orzamentos do Concello de Mos para o ano 2021, unhas contas que recibirán o voto en contra do BNG. O concelleiro Gustavo Barcia considera que “non dan resposta ás necesidades reais da veciñanza” e denuncia que, “malia aumentar o gasto en dous millóns de euros, ao PP de Nidia Arévalo parece que o único que lle interesa é o asfalto”.
Na comisión informativa previa ao debate plenario, o BNG presentou 13 emendas encamiñadas a apoiar aos sectores máis golpeados pola crise, impulsar a actividade cultural, preparar o concello para afrontar o reto climático e ofrecerlle unha maior calidade de vida á xente de Mos. Todas as propostas foron rexeitadas polo Partido Popular, pero obtiveron o respaldo do resto de grupos municipais.
O portavoz nacionalista defenderá igualmente, no pleno, a necesidade de crear unha liña de axudas para as traídas veciñais de augas, similar á que existe xa noutros concellos veciños, para garantir “un abastecemento sustentable e eficaz” e lembra que este é “un servizo fundamental que debería proporcionar o Concello”.
Proporá, ademais, un aumento da partida destinada ao Punto Limpo para ampliar o seu horario, a instalación de paneis solares nos edificios municipais ou a posta en marcha dun plan de erradicación de especies invasoras.
Por outra parte, o BNG reclama unha revisión do Plan Cultural para ampliar o apoio ao tecido asociativo, a creación dunha subvención para o mantemento dos locais veciñais ou o incremento da cantidade destinada á Escola de Música, entre outras medidas. Insistirase, ademais, na necesidade de redefinir a campaña de apoio á hostalería para facela extensiva ao comercio de proximidade.
Reorientar o gasto
Algunhas das emendas aos Orzamentos do Concello ían encamiñadas a facilitar a conciliación, como o aumento da asignación para actividades con escolares ou a destinada ao programa Ocio en Familia. Tamén se reclamaba un reforzo do Centro de Información á Muller (CIM) ou a creación dunha partida para o fomento do deporte e os hábitos saudables.
Gustavo Barcia cre que “o PP está a desperdiciar a oportunidade que ofrece o aumento dos ingresos derivado da actualización do catastro, a chegada de fondos europeos e a prórroga que concedeu o Estado para afrontar o crédito de pago a provedores”.
Na súa opinión, “esta maior dispoñibilidade orzamentaria debería aproveitarse para realizar investimentos con perspectiva de futuro”, por iso propón unha redución das partidas destinadas, por exemplo, a dedicacións exclusivas do equipo de goberno, a publicidade ou á construción de novas infraestruturas innecesarias.