O Porriño/BNG | O Pleno do Porriño ven de aprobar cos únicos votos a favor do Partido Popular unha serie de transferencias de crédito entre partidas que fai diminuir a inversión en atención social en 370.000€, para poder incrementar outro tipo de gastos ordinarios. “Un feito de especial gravidade porque o orzamento municipal vense de aprobar”, sinalou Pedro Pereira, o portavoz do grupo municipal do BNG.
O goberno do PP aprobou un orzamento municipal que entrou en vigor en setembro do 2023 e que se anunciou como o máis elevado da historia do Porriño no que o Alcalde presumía ter destinado 2,2 millóns de euros á partida de gasto social. Só pasaron trinta días desde a entrada en vigor do mesmo e no pleno de outubro o PP aproba diminuír a partida de asuntos sociais a favor de “outro gasto comprometido”. Trátase de desviar gasto para seguridade cidadá e policía, ordenación de tráfico, protección civil, extinción de incendios ou urbanismo, entre outros; en lugar de executar na súa totalidade as partidas destinadas para gasto social.
Para o BNG é preocupante esta falla de rigor na previsión do gasto. Alejandro Lorenzo referíase ao orzamento 2023 como as contas realistas que darían estabilidade ao concello ofrecendo unha planificación ordenada de gastos e ingresos e aseveraba actuar con responsabilidade fuxindo do populismo económico. Nada máis lonxe da realidade, o goberno co maior número de adicacións da historia do Porriño non pode xestionar tan arbitrariamente as contas municipais.
“No expediente non se acompañaron informes técnicos dos servizos afectados aos que se lle diminúe a contía económica. Están a desatender necesidades sociais e a atención e integración das persoas menos favorecidas en favor de outro tipo de gasto”, declarou o portavoz do Bloque, Pedro Pereira.
Desde o BNG reclamamos ao goberno local que loite polas necesidades do pobo, porque nin o concelleiro de Servizos Sociais, Abel Estévez, defendeu un dos piares básicos do estado de benestar como son os servizos sociais nin a concelleira de Sanidade, Teresa Veloso, o fai coa situación da atención sanitaria no Porriño, negando no pleno a necesidade de incrementar o persoal do Centro de Saúde.
“O Porriño non merece cargos públicos que ollan para outro lado ante os problemas da xente, que cando teñen que escoller entre defender os intereses do Porriño ou os do Partido Popular, escollen sempre os do Partido Popular”, concluíu Pedro Pereira.