O Porriño/BNG | No pleno do mes de setembro aprobouse, a instancias do BNG, unha solicitude de comparecencia do Alcalde para dar na seguinte sesión plenaria información sobre asuntos de especial relevancia para O Porriño, tanto en materia económica como relativos a inversións ou infraestruturas.
Pasado o pleno de outubro sen comparecer, o Alcalde volve incumprir un acordo maioritario da corporación. Desde o BNG denunciamos esta actitude antidemocrática que amosa o verdadeiro talante dun Alcalde que non está cómodo no debate político e se escuda detrás dunha constante campaña de propaganda para ocultar a súa deficiente xestión.
O Porriño precisa unha Alcaldía que respecte os acordos e goberne para todas e todos. Limitarse a xestionar o día a día, programar festas e sacarse fotos non chega. Alejandro Lorenzo non está a afrontar con responsabilidade os grandes retos que temos como pobo.
Algúns dos asuntos solicitados polo Bloque para que o Alcalde informe no Pleno son: 1. Auditoría e cese da interventora municipal: Alejandro Lorenzo anunciou ao entrar como Alcalde unha auditoría de contratos e facturación dos exercicios anteriores. Argumentaba, xunto con EU-SON, unha xestión irregular e que o Concello estaba na ruína. Dez meses despois nada sabemos da auditoría e vén de cesar á interventora municipal sen dar explicacións ao respecto. Lorenzo non quere un servizo de intervención que emita informes independentes e non se someta ao poder político.
Desde o BNG temos a certeza de que as dúas cuestións están ligadas. A situación económica real do Concello, con todo o mellorable que debeu ser a xestión desta área por parte do PSOE, non era a desfeita que se pregoaba, como proban os case 5 millóns de euros gastados polo PP con cargo ao remanente positivo de tesourería nos 10 meses que leva gobernando.
2. Orzamentos: A finais do mes de xullo o goberno local presentou unha proposta de orzamentos para o exercicio 2022 que non saíu aprobada debido ao escaso interese do PP e á súa nula capacidade de negociación. A proposta incluía un crédito de 9 millóns de euros que endebedaba ao Concello a medio prazo e pretendía ser un cheque en branco para que o Alcalde gastase sen control. A día de hoxe a Corporación descoñece se o goberno vai presentar unha nova proposta ou se está a traballar nas contas do 2023.
3. Villa Florida: Alejandro Lorenzo comprometeuse, unha vez aprobada unha moción presentada polo BNG, a realizar xestións coa familia propietaria do inmoble en venda para valorar a opción de compra por parte do Concello. A día de hoxe nada se sabe do resultado de ditas conversas e o Alcalde non informou aos grupos políticos das mesmas. A iniciativa presentada polo Bloque contempla que a histórica edificación teña un uso cultural e que os xardíns se abran á veciñanza do Porriño.
4. Reunión con ADIF: Tamén se comprometeu a solicitar unha reunión con ADIF, na que participaríamos os grupos da corporación, para coñecermos de primeira man a proposta da administración central no tocante á supresión do paso a nivel.
Nada sabemos dunha reunión fundamental para esixirmos como pobo un proxecto ambicioso que mellore a calidade de vida das persoas e non hipoteque O Porriño do futuro.
Mellora do aparcadoiro público da rúa Leandro Diz
O Concello do Porriño formalizou, despois dunha negociación iniciada xa polo anterior goberno municipal, contratos de arrendamento de varias fincas na rúa Leandro Diz, para destinalas a aparcadoiro de vehículos ou outros usos de interese público. Estes terreos de terra carecen a día de hoxe dun pavimento regular, dunha iluminación axeitada e en gran parte dos mesmos prodúcese unha acumulación de auga que impide o uso para o que foron arrendados.
O Pleno vén de aprobar unha moción presentada polo Bloque na que instamos ao goberno local a dotar de partida orzamentaria para executar de forma urxente as obras de pavimentación en asfalto e sinalización de prazas de aparcadoiro, a instalación dunha rede de iluminación que garanta a seguridade na zona e a construción dun pozo de recollida das augas pluviais. Con facer anuncios e sacarse fotos non chega. O goberno do PP ten que comprometer recursos públicos para facer realidade estas melloras.
Goberno municipal non consigue aprobar a redución de impostos
A proposta de reducción de impostos que o Goberno Municipal levaba onte a pleno a fin de aliviar o esforzo fiscal das familias e empresas porriñesas non conseguiu o respaldo dos grupos da oposición. As dúas modificacións das ordenanzas fiscais que contemplan bonificacións no IBI e no ICIO quedaron sobre a mesa a petición do grupo municipal do PSOE, que contou a tal fin co respaldo de BNG, EU SON e os dous concelleiros non adscritos, Manuel Carrera e Lourdes Moure.
A proposta do executivo contemplaba bonificacións no IBI do 30% da cuota íntegra para os inmobles que non dispoñan de conexión á rede de saneamento, do 90% e 50% para familias numerosas e de ata un 90% naqueles inmobles urbanos nos que se desenvolvan actividades económicas que creen postos de traballo. Tamén pagarían menos aquelas vivendas que instalaran sistemas de eficiencia enerxética, con bonificacións do 50% da cuota durante cinco periodos impositivos para a finalización ou obtención da obra.
Tamén se incorporaban bonificacións no ICIO do 95% naquelas declaradas de especial interese ou utilidade municipal por concurrir circunstancias sociais, culturais, histórico-artístico ou de fomento do emprego; do 60% para as obras e construcións necesarias para a posta en marcha de proxectos empresariais e do 30% sobre as instalacións de sistemas de aproveitamento térmico ou eléctrico da enerxía solar para autoconsumo, que no caso de tratarse dunha vivenda de uso residencial ascendería ao 95%.
“Presentamos unha proposta viable e responsable co único fin de paliar a carga fiscal sobre a veciñanza nos tempos tan complicados que estamos a vivir”, apuntou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Conta cos pertinentes informes e estudos financieiros para ser aprobado polo pleno e, tal e como saben todos os corporativos e corporativas, os prazos son axustados e tiña que aprobarse nesta sesión para que puidera entrar en vigor no 2023. Pedir que quede sobre a mesa para seguir co debate político impide que saia adiante en tempo e forma e a quen perxudica é aos cidadáns”.
O rexedor concluíu incidindo na viabilidade de reducir a presión fiscal “non é populismo é unha necesidade que se pode e se debe levar a cabo sustentada nunha boa xestión económica. A solución para o Concello e para a veciñanza non é subir os impostos, como pretendeu o anterior goberno no 2020. Esa é a vía fácil, cargar sobre a xente o peso en lugar de xestionar”.