O Porriño/BNG | O BNG do Porriño solicita ao alcalde Alejandro Lorenzo que convoque canto antes a comisión de cultura para acordar entre todos os grupos políticos unha homenaxe institucional ao recentemente finado músico porriñés. O Bloque defenderá na comisión nomear a actual Pío XII como rúa Antonio Paz Valverde.
Fundador e director da Coral Polifónica do CRC do Porriño, arranxador e prolífico compositor, tivo un papel pioneiro na renovación da canción galega de factura culta, creando melodías con textos de poetas contemporáneos na nosa língua. Figura central da música coral do país, Antonio Paz Valverde merece perdurar na memoria do Porriño a través do seu rueiro municipal.