O Porriño/BNG | No Pleno ordinario de maio de 2022, aprobouse por unanimidade a moción presentada polo BNG para impulsar a declaración do río Louro e os seus regos Laxes e Fonteliño (Couso) como Espazo Natural de Interese Local (ENIL).
Esta tramitación supón a elaboración por parte do Concello dunha proposta de memoria motivada na que se inclúan, entre outros, puntos relevantes tales como os valores naturais do espazo a protexer, usos e aproveitamentos dos seus recursos naturais, obxectivos conservacionistas ou recreativos que se fixen na proposta e en consecuencia, actividades futuras a desenvolver ou as súas necesidades orzamentarias. É a Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia quen resolve finalmente outorgar esta figura de protección local.
O PP mantén paralizada a tramitación desde o seu inicio e nada fixo neste ano e catro meses para executar o acordo plenario. Durante a campaña electoral das pasadas eleccións municipais, Alejandro Lorenzo anunciou a súa intención de crear un espazo para grandes eventos á beira do río, permitindo o tráfico rodado e creando zonas de aparcamento, unha actuación que implicaría graves prexuízos para a flora e a fauna.
“O ENIL é unha figura que axudaría a rexenerar os bosques de ribeira e tamén a defendelos de futuras ameazas, aínda que a maior ameaza neste momento, polo que vemos, é o PP de Alejandro Lorenzo”, indicou Marcelo Rodríguez, técnico ambiental e concelleiro do Bloque, quen defenderá no Pleno a proposta nacionalista.
O ENIL é unha ferramenta poderosa ao alcance da administración local que implicaría para O Porriño non só o recoñecemento, a estima dos nosos valores naturais, senón tamén unha maior implicación cidadá no coidado activo do río e unha nova oferta de lecer impregnada de valores educativos.
“Suporía un freo á artificialización do ecosistema urbano de ribeira e unha renaturalización do Louro devolvéndolle parte da vitalidade perdida e conseguindo, asemade, unha cidadanía máis consciente. Implicaría tamén un control maior sobre os vertidos que con asiduidade anegan o río ao seu paso polo Porriño e unha maior colaboración coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil para a súa erradicación”, sinalou o concelleiro do Bloque.
Durante o debate dos orzamentos para o 2023 o grupo municipal do PP rexeitou unha emenda presentada polo BNG na que se solicitaba incluír unha partida económica para a tramitación do ENIL. “O goberno local volveu demostrar neste debate o seu oportunismo, negándose a dotar con partida orzamentaria a tramitación do ENIL a pesar de ter votado no seu día a favor no Pleno de iniciala. É polo que o grupo municipal do BNG solicita novamente no Pleno a execución da proposta de memoria motivada que inicie a tramitación do ENIL, na que se inclúa a protección do Louro e os seus regos ao seu paso polo Porriño até o comezo da Rede Natura, nas Gándaras de Budiño”, destacou Marcelo Rodríguez.
No BNG somos conscientes de que a recuperación integral deste espazo non será completa mentres o matadoiro permaneza na súa localización actual pero temos que ir dando pasos para converter o Louro no pulmón verde que O Porriño precisa. Entendemos que chegou tamén o momento de afrontar un debate de vital importancia porque o noso futuro como vila non se pode ver condicionado por unha localización que non atende ao interese xeral, nin desde o punto de vista medio ambiental nin pola súa proximidade a un núcleo tan importante de vivendas. O BNG defende que empresa, axentes sociais, Concello e Xunta retomen canto antes as negociacións para o seu traslado.