BNG O Porriño: “O Alcalde modifica o PXOM para encaixar o novo Auditorio”

Denuncian tamén que o PP aprobou en pleno a solicitude de fondos europeos

O Porriño/BNG | A maioría absoluta do PP aprobou en febreiro unha modificación do Plan Xeral de Ordenación Municipal para incrementar a edificabilidade dos edificios destinados a equipamentos públicos. O motivo é a necesidade de que o proxecto de construción dun novo auditorio cumpra coa normativa urbanística. O Concello do Porriño está a executar esta obra na parcela onde se localiza o Centro Cultural Municipal, e o BNG do Porriño denuncia neste proxecto un novo caso de inoperancia. “Lorenzo ten que empregar a súa maioría no pleno para poder legalizar un despropósito urbanístico”, sinalou o portavoz do BNG, Pedro Pereira.

“Con Alejandro Lorenzo volveu o urbanismo á carta ao Porriño. Recuperou aquilo de ti vai facendo que xa cho arranxaremos nós”, apunta Pereira. A forza nacionalista leva meses denunciando prácticas como a legalización de edificios e locais comerciais de determinados promotores que estaban fóra de ordenación; agora tamén o propio Concello modifica a lei dunha maneira arbitraria. “Non se lle pode esixir respecto pola legalidade á veciñanza cando a propia administración é a primeira que incumpre”, explicou Pereira, destacando a gravidade de que se modifique a edificabilidade dunha parcela cunha obra xa iniciada.

Para o Bloque, esta modificación evidencia que a localización escollida para o novo auditorio non é a máis acaída. “Cubrirá certas necesidades a curto prazo mais non deixa de ser un parche que non solucionará o déficit dunha infraestrutura cultural como precisa O Porriño”.

En lugar de aproveitar a construción dun equipamento novo para crear un edificio multifuncional con espazos verdes e humanizados na súa contorna, acorde coa dimensión do Porriño, Lorenzo prefire encaixar o edificio detrás do actual Centro Cultural. “Máis unha vez, os intereses particulares e curtopracistas do Alcalde impóñense sobre o interese xeral do Porriño”, afirmou Pedro Pereira.

Financiamento da obra
O goberno do PP vén de aprobar tamén no Pleno a solicitude dunha subvención europea para sufragar parte dos gastos de construción deste novo auditorio. “A falta de planificación é total. Sorprende que unha obra en marcha non teña garantida a totalidade do seu gasto en equipamento. Lorenzo confunde ter a maioría con ter un cheque en branco para improvisar. A xestión dun concello como O Porriño quédalle grande”, concluíu o portavoz do Bloque.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.