Mos/BNG | O Campo da Feira de Puxeiros foi o escenario elixido polo BNG de Mos para reafirmar a súa postura sobre o proxecto de Carlos Mouriño nos montes de Tameiga. O candidato á alcaldía, Gustavo Barcia, reiterou o seu compromiso para “frear o pelotazo” e presentou as eleccións do próximo domingo como “a mellor oportunidade para defender os intereses da veciñanza fronte aos especuladores que se queren apropiar do monte común”.
Arroupado por boa parte da veciñanza afectada, Barcia trazou, xunto ao seu equipo, a folla de ruta do BNG para paralizar a operación urbanística. “A xustiza ditaminou que as sentenzas da cidade deportiva eran ilegais”, lembrou o candidato, “e o plan especial aprobado polo PP ten moitos visos de ser anulado tamén nos tribunais”.
Aínda así, se os promotores pretenden seguir co proxecto, Barcia amosou a súa disposición persoal a poñerse “diante das palas para evitar que arrasen o monte” e apelou á mobilización veciñal, “que foi ata agora o maior dique de contención fronte ás ambicións dos poderosos”.
A candidatura nacionalista contou, no acto de Puxeiros, co apoio da deputada no Parlamento Galego Carmela González, que defendeu a necesidade dun goberno do BNG “para mellorar a vida das persoas”.
A deputada afirmou que “Mos non merece un goberno clasista e elitista, cunha alcaldesa que vive nunha illa privada do concello veciño” e sinalou ao PP de Nidia Arévalo como “cómplice do pelotazo urbanístico”.
Axudas ás traídas de augas
O apoio do PP ao proxecto promovido polo presidente do R.C. Celta derivou, nos últimos anos, nunha confrontación entre o goberno municipal e as traídas de augas que teñen os seus mananciais no monte de Tameiga.
Fronte á “actitude sectaria” de Nidia Arévalo, Barcia ofreceu “colaboración e diálogo” ás traídas que abastecen de auga ao 90% da poboación de Mos. Insistiu na súa proposta de crear unha liña municipal de axudas para o mantemento e renovación das instalacións, así como na creación dunha federación de traídas que permita coordinar esforzos.
Do mesmo modo, expresou a súa vontade de respectar escrupulosamente as decisións que se tomen nas asembleas das comunidades de montes de todo o concello.