O Porriño/BNG | O dirección local do BNG pide ao grupo de EU-SON que se distancie da estratexia do PP e se aveña a favorecer políticas de esquerdas no Porriño. Un PP sen proxecto político que busca nos tribunais e no pleno bloquear o normal funcionamento do Concello en prexuízo do conxunto da veciñanza non pensa no ben común.
Temos memoria e sabemos o que Alejandro Lorenzo e o PP representan no Porriño; son a dereita máis clientelar e caciquil e o BNG non vai axudar a fortalecelos con comportamentos irresponsables.
A situación xudicial da alcaldesa non poder servir de escusa, xa que en nada mudou respecto a cando EU-SON apoiou a súa investidura, e no caso de abrírselle xuízo oral o BNG pedirá a súa dimisión porque así o facemos sempre e en todo lugar. Temos asinado un pacto de goberno co PSOE e non con Eva García de la Torre.
Desde o BNG instamos tamén ao PSOE a presentar canto antes un borrador de orzamento para ser negociado cos grupos da oposición. A falta de orzamento está a causar un grave problema para o Concello e para o conxunto da veciñanza. É preciso aprobar unhas novas contas públicas, actualizadas, que permitan prestar máis e mellores servizos ou programar novas inversións. O Porriño non se pode ver prexudicado por intereses partidistas ou disputas persoais como estamos a ver na actual corporación municipal.
Os grupos políticos, especialmente os que apoiamos a investidura, temos o deber, dentro das nosas lexítimas diferenzas, de sacar adiante os temas de vital importancia para o municipio. Estamos en política para superar diferenzas e sacar adiante proxectos que beneficien as maiorías sociais. A política ten que servir para resolver problemas, non para crealos.
Alcaldesa celebra dúas resolucións xudiciais
Por outra banda, Eva García, alcaldesa do Porriño celebra dúas decisións xudiciais que acaban de coñecerse esta semana e que veñen avalar actuacións do goberno municipal que ela preside.
Por unha banda, o TACGAL avalou ao Concello na concesión do contrato de recollida de lixo no último concurso. E por outra banda, o Tribunal de Contas do Reino rexeitou, por terceira vez, a pretensión do portavoz municipal do PP de esixir responsabilidades económicas por contratación irregular.
Esta semana recibiuse a resolución do Xulgado do Contencioso-Administrativo de Contratación de Galicia (TACGAL) que avala a adxudicación realizada pola mesa de contratación a favor da firma “Servizos dos Concellos Galegos”. O TACGAL desestima o recurso presentado por “Ascan Servicios Urbanos”, levantando así a suspensión que impedía a sinatura do contrato e a incorporación do novo adxudicatario.
Eva García declarouse “moi satisfeita” nada máis coñecer a resolución do Tribunal de Contas do Reino de arquivar por terceira vez a denuncia do voceiro municipal do PP, Alejandro Lorenzo. Este auto emitido o pasado 27 de outubro, volve confirmar a doutrina xurídica de que “non procede abrir unha causa xeral a esta alcaldesa, como sostén o voceiro do PP porriñés”, afirmou a rexedora.
O Tribunal de Contas do Reino “volve dicir ao portavoz do PP e, de paso, tamén ao titular do xulgado do contencioso-administrativo número 1 de Pontevedra, que unha cousa é que haxa unha incorrección administrativa en materia de contratación e, outra moi diferente, é que esta incorrección dea lugar a ter causado danos ao Concello e que en consecuencia se nos podería esixir unha responsabilidade patrimonial”, valorou Eva García. A alcaldesa anunciou que trasladará este terceiro pronunciamento do Tribunal de Contas ao xulgado do Porriño que instrúe a causa dos desbroces “e espero que tamén produza as súas consecuencias”.