Ponteareas/BNG | O BNG criticou a decisión do Partido Popular de votar en contra no Parlamento Galego “de todas as propostas presentadas polo Bloque para incluír nos Orzamentos da Xunta para 2024 partidas económicas para atender as necesidades de Ponteareas”.
A deputada no Parlamento e concelleira ponteareá, Cristina Fernández Davila, sinalou que o PP “esqueceu Ponteareas cando presentou o borrador de Orzamentos, e no BNG démoslle unha segunda oportunidade presentando propostas alternativas que recollen as demandas locais máis urxentes a atender polo goberno galego. Aínda así, o PP decidiu seguir insistindo no seu castigo a Ponteareas e cando podía incorporalas decidiu rexeitar as iniciativas do BNG que procuraban mellorar a calidade de vida das e dos ponteareáns”, lamentou.
Fernández apuntou que entre as iniciativas que desprezou o PP destacaban as relacionadas cos centros de ensino público, especialmente os do rural, “que son infraestruturas que dependen da Xunta e levan máis dunha década sen investimentos relevantes”.
Pero ademais, o PP tamén votou en contra de seguir avanzando no saneamento da parroquia de Ribadetea, de mellorar a seguridade viaria nas estradas autonómicas que pasan pola localidade, de executar as obras na Escola Infantil e cofinanciar as da Residencia de Maiores e de obras de restauración e mellora de elementos patrimoniais como a Ponte dos Remedios ou a Ponte das Partidas.
O BNG incidiu na “falta de respecto” que supón para as veciñas e veciños de Ponteareas que o PP no Parlamento vote en contra “dunha serie de necesidades consideradas prioritarias por unanimidade polos grupos políticos en Ponteareas, demandadas á Xunta polo conxunto da Corporación así como por plataformas veciñais, polos centros escolares e por asociacións de nais e pais”.
A deputada do BNG lanzou unha mensaxe de optimismo ao augurar que “estes serán os derradeiros orzamentos do abandono da Xunta a Ponteareas, xa que un goberno galego presidido por Ana Pontón a partir do vindeiro mes de febreiro será a garantía de que as necesidades das e dos ponteareáns se teñan en conta”.