O Porriño/BNG | O martes 18 de decembro aprobáronse as emendas aos orzamentos da Xunta de Galicia e, outra vez, O Porriño queda fóra da súa consideración. Dende o grupo municipal do BNG do Porriño lamentamos unha nova mostra de desinterese nos problemas do noso concello e unha falta de compromiso da Xunta no Porriño.
O noso concello ten necesidades que deben ser atendidas e con urxencia. Dende o BNG do Porriño presentamos un total de 9 emendas a estes orzamentos e ningunha foi recollida. En realidade, o goberno do PP non considerou ningunha das 1.300 emendas que foron presentadas polo BNG.
Deste modo, non foi atendida a esixencia de solución para a contaminación por lindano que sofre o noso concello, a pesar dos anuncios anteriores que fixera a Xunta e o alcalde Alejandro Lorenzo. No mes de xaneiro de 2022 a conselleira Ángeles Vázquez e o, naquela altura, recén alcalde do Porriño anunciaban un compromiso de investimento de 3 millóns de euros para a retirada dos restos de lindano no lugar do Contrasto, en Torneiros.
Finalmente, volvemos evidenciar que esas promesas son tamén fumo.
Tampouco recolleron a necesidade de construír un novo centro educativo de educación primaria ou a reforma integral do xa existente, basicamente, en eficiencia enerxética e accesibilidade. Esta sería unha medida necesaria, pois o actual CEIP Xosé Fernandez López foi construído nos anos 70 e na actualidade ten problemas de insonorización e illamento.
No eido educativo, tamén requirimos a construción dunha nova escola infantil. O noso é un dos concellos de Galicia con mellores datos en natalidade e estas cifras esixen un investimento social en consonancia, pero a Xunta do PP non o considera así.
Outras demandas desatendidas son o soterramento de liñas de alta tensión en Torneiros e en Atios (na subestación de Vilafría) ou a urbanización da estrada vella que une Budiño con Salceda. Esta última é unha estrada que conecta zonas poboadas dos núcleos rurais da parroquia e carece de beirarrúas ou beiravías en moitos tramos, o que causa un grave problema de seguridade; especialmente grave é a situación de desprotección nas inmediacións do colexio público de Budiño.
Tamén solicitamos a construción dun colector de recollida de augas pluviais das rúas Lugo, Pontevedra, Ourense, Avda. de Galicia e Ramiráns, que solucionaría graves problemas de asolagamento no centro; ó igual que unha mellor conexión co polígono das Granxas, coa construción dunha variante á PO-510 desde o punto quilométrico catro até o enlace coa A55, solucionándolle a conexión co lugar de traballo a moitas persoas.
Dende o PP, pretenden afacernos a unha política de propaganda e fotografía que, finalmente, queda en nada. Estamos a padecer un goberno de ocorrencias e malgasto do diñeiro público como a liquidación dos remanentes cos que gozaba o noso concello ata a chegada do equipo de goberno do PP. Parecía que a coincidencia monopartita de Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra e Concello ían supor un beneficio para O Porriño, pero xa vemos que, novamente, o suposto compromiso desta forza política co noso concello non se concreta en medidas para solucionar problemas reais. Semella que a súa capacidade de goberno se centra, exclusivamente, en actuacións estelares que enchan unha programación de festas sen máis transfondo.