BNG: “Os Orzamentos 2025 para Ponteareas son unha oportunidade perdida”

Os nacionalistas critican o rexeite das súas propostas para aumentar axudas aos colectivos así como o saneamento

Ponteareas/BNG | O goberno de Ponteareas aprobou, nun pleno extraordinario e urxente, o Orzamento para o 2025, rexeitando todas as propostas alternativas presentadas polo BNG.

A través do concelleiro Xosé Carlos Vázquez, o BNG afirmou que o goberno de Nava Castro presentou uns Orzamentos para 2025 “que son unha oportunidade perdida para Ponteareas, porque poñen a propaganda por diante das necesida-des básicas das veciñas e veciños.”

Vázquez afirmou que “son unha oportunidade perdida porque poderían explicar canto diñeiro teñen previsto destinar, por exemplo, para unha necesidade tan básica e tan demandada como o saneamento no rural, que agora é posible gra-zas ao traballo do BNG para a ampliación da depuradora. Dixeron en campaña que en dous anos completarían o saneamento das parroquias. No 2025 cumpri-ranse os dous anos, e a realidade é que non prevén no orzamento nin un só euro para este servizo, e ademais rexeitaron a proposta presentada polo BNG no propio Pleno para crear a partida.”

O concelleiro do BNG lamentou tamén o voto negativo do goberno a todas as propostas que procuraban aumentar as axudas aos colectivos veciñais que de maneira altruísta entregan o seu tempo a traballar en beneficio da comunidade. “É lamentable que, tras eliminar as subvencións a entidades do ámbito social e a colectivos veciñais para obras nas parroquias, continúen negándose a au-mentar a contía das axudas existentes, como as destinadas ás casas culturais e ás traídas veciñais”, que o Bloque propuña duplicar.

“Presumen dun orzamento máis alto que o ano pasado, pero néganse a atender con el as necesidades reais da veciñanza. É un orzamento máis alto provocado pola Navallada á veciñanza coa suba de impostos, que supón un incremento do 25% no IBI, do 78% no ICIO e do 85% na taxa de lixo. Só con estas subas, xa contarán con 1,6 millóns de euros máis de ingresos, pero o gasto apenas sube 1,1 millóns, o que demostra que no orzamento en vigor estaban infladas as pre-visións de ingresos”, afirmou o concelleiro do Bloque. Vázquez sinalou que es-tes datos, “cos que se incumpre a regra de gasto, demostran a deriva do go-berno de dilapidar o diñeiro de todas e todos en accións propagandísticas e en caprichos dos que só se benefician uns poucos”.

Malia que o goberno local “puxo a garabata da propagada” e rexeitou todas as propostas do BNG, Xosé Carlos Vázquez sinalou a súa satisfacción porque este ano o goberno incluíse no orzamento algunhas propostas que o Bloque fixo o ano pasado e que daquela foron rexeitadas.

“Nunca é tarde, animamos ao go-berno a que continúen nesa senda a acepten as nosas propostas alternativas aínda que sexa un ano despois, porque queda demostrado que só acertan can-do rectifican”, aseverou o concelleiro nacionalista.

Necesidades do alumnado NEAE do CEIP As Veigas
A deputada do Bloque Nacionalista, Cristina Fernández, preguntou na comisión de Educación e Cultura, sobre a necesidade de reforzar o persoal especialista no Equipo de Orientación para cubrir as necesidades do alumnado con Necesidades Específicas de Apoio Educativo (NEAE) do CEIP As Veigas de Ponteareas.

“É de sobra coñecida pola Dirección Territorial de Educación en Pontevedra a situación do alumnado con Necesidades Específicas de Apoio Educativo e a falta de recursos de especialistas no CEIP As Veigas do concello de Ponteareas” salientou Fernández, que exixiu á Consellería durante a súa intervención que se garanta unha educación de calidade para estes nenos e nenas que precisan de apoios e reforzos para poder seguir o ritmo do resto de compañeiras e compañeiros da súa clase.

A deputada nacionalista destacou que no centro hai media ducia de nenos que non poden comunicarse por si mesmas e “só unha delas dispón de dispositivos electrónicos comunicadores” que lles axuda a comunicarse. Ademais, estes casos precisarían un Pedagoxía Terapéutica (PT) preferente para cada un deles, mais a escola tan só ten concedido 1 para todo o centro, 1 Audición e Linguaxe (AL) e 1 AL compartido co CEIP Fermín Bouza Brey.

No curso 2023/24, o centro tiña autorizados o Plan Proa+ e tamén o Acompaña, “polo tanto dispuña de 2 especialistas a maiores de apoio ao alumnado NEAE dentro das aulas” sinalou Fernández. Este curso o programa Acompaña desaparece e ao centro non lle concederon o Plan Proa+, polo que conta con dúas mestras de PT menos que o curso pasado “a pesar de que na convocatoria do PROA+ quedou acreditado que é un centro cunha porcentaxe de alumnado vulnerable superior ao 30%” subliñou.

A deputada nacionalista manifestou que dende a dirección do centro levan “reclamado os efectivos necesarios dende o verán” para atender debidamente a este alumnado NEAE, e vista a insensibilidade da Consellaría de Educación cara as crianzas máis vulnerables, “son agora as nais e pais das afectadas as que deciden facer a reclamación ante todas as instancias educativas posibles”.

O goberno da Xunta de Galiza, “e máis en concreto o Conselleiro de Educación”, leva todo o verán alardeando de ter contratado o maior número de profesorado e especialistas da historia, mais a realidade é que o CEIP As Veigas e outros moitos centros de todo o país, viven outra realidade ben diferente. “Aulas con rateos máximos e alumnado NEAE entre eles, sen reforzos nas mesmas e sabendo as directivas que o persoal especialista que perden no seu cadro de persoal mingua a calidade educativa do seu centro” denunciou Fernández.

Cristina Fernández salientou o caso da familia de Carlota, unha nena con TEA, mentres as demais familias desfrutan cos seus fillos e fillas da praia e das actividades propias desta estación e das vacacións, “familias como as de Carlota están centradas en reclamar, ano tras ano, aqueles recursos educativos que as nenas e nenos van necesitar no vindeiro curso”. “Como fan sempre, deixan de lado e sen recursos ao alumnado máis vulnerable e que máis o precisa”. O BNG advirte que a comunidade educativa está demandando que se solvente esta situación surrealista que afecta á atención e inclusión do alumnado no concello de Ponteareas. Tanto a dirección do centro como as familias non queren que a súa escola se vexa prexudicada coas “medidas de recortes que aplica ano tras ano a Consellaría de Educación”, en lugar de dotar de maiores e mellores recursos aos centros e ao alumnado.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.