Ourense | Luís Seara, candidato á Alcaldía polo BNG, manifestaba esta mañá ás portas da Praza Abastos nº 1, a onde acudiu como cada sábado a realizar unha serie de compras que “o que tiña que ser unha xornada de reflexión, convírtese no enésimo caso de corrupción que salpica a Ourense, neste caso á Deputación Provincial”.
Ante estas novas informacións, Seara asegura sentir “unha profunda indignación e carraxe ao ver como cada día a nosa provincia e o noso Concello aparecen nos mediosde comunicación relacionados con casos de corrupción e que neste caso afectan á familia Baltar”.
Luís Seara sinala que “é moi importante que o día 28 a xente vaia votar e aposte pola rexeneración política xa que o 28 non soamente se examinan as candidatas e candidatos que concorrermos ás eleccións senón que tamén nos examinamos como sociedade, unha sociedade madura, crítica e que ten que ser intolerante coa corrupción”.
O candidato polo BNG avanzou que a partir do luns levarán todo o que está xurdindo hoxe á Fiscalía “para que actúe e o faga con celeridade pois neste caso tamén está en xogo o crédito da propia xustiza”. O diario dixital Público publica hoxe que “José Luis Baltar, irmán do presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, fala en varias gravacións de audio e en mensaxes curtos e a través de Whatsapp, ós que tivo acceso Público, de mordidas e financiación ilegal das campañas electorais del Partido Popular mediante comisións pagadas polas empresas que contratan obra pública coa institución provincial”.