Ourense | O grupo municipal do BNG no Concello de Ourense compareceu en rolda de prensa para avaliar a situación na que se atopa o Servizo municipal de transporte público cando estamos a piques de rematar o ano 2023 e logo de que fosen continuos os anuncios por parte da alcaldía que desde logo “non cumpriron con ningún dos prazos fixados”.
Luís Seara, portavoz nacionalista, acompañado polo concelleiro Xosé Manuel Puga e a concelleira Rhut Reza, lembrou os inicios de todo este proceso viculado a un servizo que “move ao redor de sete millóns de viaxeiros e viaxeiras ao ano”.
“Estamos a falar dunha concesión caducada e en precario, cuxo contrato rematou en maio de 2015. Estamos diante dunha empresa que está a xestionar o transporte municipal sen contrato, de xeito ilegal, tal como recoñece o Coordenador Xeral pero que gañou no xulgado en setembro de 2017 un litixio polo que o Concello está obrigado a pagar un 6% adicional desde que expirou o contrato, máis de 7,5 millóns de euros anuais”.
Seara lembrou que foi xa no mandato pasado onde se abordou por primeira vez a situación do transporte municipal. “En febreiro de 2021 fomos convocados polo Alcalde para tratar a licitación da concesión de autobuses. Cal é a nosa sorpresa que, en vez de falar da licitación, abórdase a posibilidade de mercar os buses directamente polo Concello. Dísenos de mercar trinta e pico autobuses, cun gasto estimado de perto de 10 millóns de euros”.
Naquela reunión, segundo Luís Seara, fálase de varias posibilidades tanto no relativo a adquisición como ao modelos dos autobuses, propostas todas elas ”que en ningún caso están avaladas polos correspondentes informes técnicos”.
“A nosa posición na reunión foi a que xa temos explicitado en anteriores ocasións. Cremos que esta é unha oportunidade fantástica para recuperar a concesión para a xestión directa”, e engade, “desde o BNG concordamos en que se o Concello estaba disposto á remunicipalización do servizo, e en consecuencia, á adquisición directa dos autobuses, nós estabamos a favor, máis non quedamos ahí, dixemos que, en todo caso, antes de mercar os buses, era preciso definir o novo mapa de liñas, toda vez que os cambios producidos na cidade nas últimas décadas, unido a que os deseños das liñas actuais son dos anos 80, fai necesaria unha reconfiguración do mesmo”.