Ankara (Turquía) | A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, participa na misión de observación internacional desprazada a Ankara para asistir ao xuízo contra 108 cargos electos do Partido Democrático do Pobo-HDP, noutra das actuacións sistemáticas de represión e persecución do goberno de Erdogan contra o HDP. “Desde o Bloque sumámonos ás accións internacionalistas de solidariedade e condena contra a persecución que impulsa o goberno turco, como é o xuízo do chamado caso Kobani”, manifesta a coordinadora de Relacións Internacionais do BNG.
Ana Miranda traslada ao HDP a solidariedade da Executiva Nacional do BNG fronte a represión á que Turquía somete ao Partido Democrático do Pobo–HDP. Deste xeito, mantén diversos encontros cos cargos electos do HDP, así como cos seus representantes legais e familiares, cos que a portavoz do Bloque en Europa mantén unha longa relación tanto polas accións desenvolvidas no Parlamento Europeo, a misión de observación no xuízo sobre o encarceramento do líder do HDP, Selahattin Demirtaş, como na Asemblea parlamentar conxunta Unión Europea–Turquía. Precisamente hai un ano participaba no congreso anual do Partido Democrático do Pobo–HDP representando á Executiva Nacional da forza nacionalista galega.
“O xuízo ‘Kobanî Case’, -contra 108 representantes do HDP, incluídos os seus copresidentes Selahattin Demirtaş e Figen Yüksekdağ, e parlamentares e representantes municipais- é crucial xa que non só afecta ao futuro do HDP senón tamén á democracia en Turquía”
O xuízo “Kobanî Case”, -contra 108 representantes do HDP, incluídos os seus copresidentes Selahattin Demirtaş e Figen Yüksekdağ, e parlamentares e representantes municipais- é crucial xa que non só afecta ao futuro do HDP senón tamén á democracia en Turquía. Segundo explica Ana Miranda, este caso “está sendo usado polo goberno de Erdogan para atacar ao HDP na vía xudicial e política, descabezando a cúpula política coa ameaza de ilegalización, cuestión que leva denunciando o BNG en numerosas ocasións”.
Chamamento á solidariedade internacional
A acusación contra o HDP baséase nun chío en Twitter, escrito o 6 de outubro de 2014, no que se chamaba a sumarse ás protestas solidarias con Kobanî, (cidade curda no norte de Siria), que loitaba daquela contra os ataques do ISIS e o embargo turco á cidade, protestas nas que foron asasinadas pola policía turca 37 persoas simpatizantes do HDP sen que houbera ningunha investigación. Seis anos despois desas protestas, o Goberno de Erdogan, co apoio do seu partido o AKP, acusa ao HDP de incitar á violencia co chamado a manifestarse. Pola contra, a Corte de Dereitos Humanos de Estrasburgo ditaminou que a chamada ás protestas feita polo HDP non constitúe violencia.
“No BNG non imos deixar só ao Pobo Curdo e aos representantes do HDP fronte aos continuos ataques á democracia de Erdogan, mentres se criminaliza ao terceiro partido de Turquía, por ser procurdo e por ser de esquerdas, mentres a UE séntase con Erdogan para facer acordos vergoñentos”, salienta a coordinadora de Relacións Internacionais do BNG, quen fai un chamamento a sumarse no luns 26 á campaña internacional nas redes sociais simultánea á celebración do xuízo baixo as etiquetas #SolidarityWithHDP e #DefendKobani.