BNG pide en Bruxelas aprobar un novo regulamento sobre cooperación transfronteiriza

A nova normativa busca eliminar obstáculos nas fronteiras entre Galicia e Norte de Portugal

Aldea Global | A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, destaca a importancia que ten para Galiza a aprobación da normativa de cooperación transfronteiriza “BridgeforEU” na Comisión de Política Rexional celebrada hoxe, “que pretende eliminar os obstáculos nas fronteiras, como as que temos na fronteira galego-portuguesa”.

A eurodeputada galega explica que esas dificultades que viven as máis de 15.000 persoas que viven ao longo da fronteira entre Galiza e Portugal -que van desde o recoñecemento dos títulos, os problemas sanitarios, o desenvolvemento de políticas medioambientais, así como o transporte-, terán solución con este novo regulamento, que entrará en vigor o vindeiro ano despois de que sexa aprobada no vindeiro pleno da Eurocámara.

Esta normativa, da que Ana Miranda foi unha das relatoras, prevé que para atopar solucións aos obstáculos administrativos e legais nas zonas fronteirizas se establezan puntos de coordinación nos Estados que queiran participar. “Desde o BNG queremos que este punto para a eliminación de obstáculos estea situado en Galiza, na fronteira galego-portuguesa, e non en Madrid”, subliña ao respecto.

Tras a aprobación deste novo regulamento europeo, Ana Miranda intercambiou unha palabras co relator principal do informe, o eurodeputado Sandro Gozi, e destacaron a importancia de contar cun instrumento para superar os obstáculos administrativos transfronteirizos.

Experiencia nas eurocidades
Estes obstáculos na fronteira entre Galiza e o norte de Portugal foron debullados nunha conferencia organizada pola eurodeputada do BNG o pasado mes de decembro en Tui. No encontro celebrado baixo o título “BridgeEU: Pontes e non barreiras nas fronteiras”, o traballo desenvolvido pola Eurocidade Tomiño – Cerveira foi posto en valor pola alcaldesa de Tomiño, Sandra González, mentres que o tenente de alcalde de Verín, Diego Lourenzo, deu conta dos avances acadados na Eurocidade Verín – Chaves.

Ademais, a necesidade de coordinación e a eliminación dos problemas administrativos relacionados co ensino e a sanidade foron explicados pola alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernandez, así como das portavoces do BNG en Tui, A Guarda, Salvaterra de Miño e As Neves.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.