BNG Ponteareas acusou á Alcaldesa Nava Castro de “mentir” sobre as débedas municipais

Desmentiu as acusacións do PP de que se “perderon” 1,7 millóns de euros en 2022

Ponteareas/BNG | Tras aprobar a Conta Xeral do 2022 en Ponteareas, o BNG desmentiu as “falsidades mal intencionadas e ignorantes” vertidas polo PP ao falar de que se “perderon” 1,7 millóns de euros no pasado ano.

“O exercicio 2022 pechouse cun remanente negativo de tesourería de 1,7 millóns debido a que outras administracións aínda non ingresaron as subvencións concedidas ao Concello, pero iso non significa que se perdan”, afirma o Bloque, que menciona como exemplo os fondos do Instituto para a Diversificación e o Aforro Enerxético (IDAE)

“No orzamento figuraban máis de 3 millóns de euros que logramos dende o goberno do BNG para obras de mellora da eficiencia enerxética en edificios ou para a renovación da iluminación con tecnoloxía LED. A pesar de que o concello tivo que asumir eses custos, o diñeiro logrado aínda non fora ingresado nas contas municipais no momento do seu peche, a día 31/12/2022. Se entrase antes desa data, habería superávit”, explican.

O Bloque apóiase nos documentos públicos para informar que, en total, Ponteareas ten pendente de recibir transferencias de capital por importe de máis de 6,5 millóns de euros doutros entes por compromisos de financiamento como as subvencións pola realización de obras ou servizos que realizou o Concello durante o 2022.

“Este diñeiro está contabilizado e entrará nalgún momento nas arcas municipais. Nava Castro pretende agora dicir que hai un problema económico para despois aparecer como salvadora da economía local cando outras administracións ingresen a Ponteareas as axudas que logrou o goberno anterior”, afirma o grupo maioritario da oposición.

O BNG recoméndalle ao goberno de Nava Castro “traballar para que Ponteareas reciba os millóns e millóns de euros pendentes de ingresos que o anterior goberno logrou e que se deixe de mentir e manipular os datos para confundir a poboación e tapar a súa incompetencia e abandono da xestión económica municipal”.

Ante a insistencia na crítica por non contar con crédito suficiente para pagar a electricidade, o BNG lembra novamente que “como o PP renunciou a elaborar un orzamento cando chegou ao concello, seguen utilizando unha previsión do 2021, cando o prezo da luz era moi inferior ao actual. Preferiron instaurarse no victimismo e na mentira que pórse mans á obra para actualizar as previsións e ter un orzamento acorde coa actualidade”, asegura o Bloque.

O BNG lembra que os datos da situación das contas no momento do cambio de goberno figuran no portal de transparencia municipal.

Así mesmo, o Bloque, a través de documentos públicos da Conta Xeral do 2022, demostra que a conta de resultado económico-patrimonial a 31/12/2022 amosa que o concello ten un aforro neto positivo de 1.673.387,19€, mellorando a cifra do 2021, e un resultado orzamentario axustado positivo de 2.377.203,34€.

Subvencións
Por outra banda, o BNG dubida da veracidade das afirmacións do goberno do PP cando sinalan que o seu obxectivo é cumprir coas asociacións, entidades e clubs da vila. Neste sentido o BNG lembra que “cando o PP chegou ao goberno paralizou subvencións como a de eventos deportivos, que contaba con bases, partida económica reservada e informes favorables.

Ademais, deixaron sen subvencións aos centros e casas culturais desviando o diñeiro que estaba reservado nos presupostos e non crearon a partida necesaria para convocar as subvencións a clubs deportivos para a última temporada”. O Bloque sinalou que ante a decisión do PP e Nava Castro de non elaborar un orzamento, e ante a súa minoría na corporación, “tivo que ser a responsabilidade dos grupos da oposición a que dese luz verde ás partidas económicas para asinar convenios con entidades como as escolas de música, as fundacións musicais, a protectora de animais, a asociación de alfombristas ou colectivos sociais de atención á saúde mental.

Saneamento no rural
En canto ás críticas á falta de saneamento nas parroquias, o BNG considera “unha burla á veciñanza do rural que os mesmos que estiveron toda a vida no goberno de Ponteareas” achaquen a falta de saneamento no rural aos 8 anos de goberno liderado polo BNG. A formación nacionalista lembra que grazas á xestión do seu goberno, “xa iniciaron as obras para a ampliación da depuradora, que porá fin a décadas de verteduras contaminantes ao río Tea provocadas pola construción no ano 1995 dunha depuradora insuficiente para acoller as augas residuais de toda a veciñanza. Ademais, lembra que “tras realizarmos pequenas obras de saneamento nos últimos anos, a Confederación prohibiu a Ponteareas enganchar nin unha soa tubaxe máis de saneamento ata que non estivera realizada dita ampliación da depuradora”.