Ponteareas/BNG | O Pleno de Ponteareas apoiou unanimemente unha proposta do BNG para demandar á Xunta investimentos “necesarios e urxentes” nos centros educativos da localidade. A iniciativa centrouse en solicitar á administración autonómica que asuma o proxecto técnico de mellora da eficiencia enerxética nas escolas unitarias de Pías, Areas, Ribadetea, Xinzo e Moreira, pertencentes ao CRA A Picaraña, cun importe próximo a 270.000 euros.
O Portavoz Municipal do BNG, Miguel Bouzó, sinalou que “o Concello investiu máis de 17.000 euros en redactar o proxecto e logrou 200.000 euros de financiamento externo para acometer os traballos, o que representaba o 75% do investimento. Dado que os centros escolares e as obras a realizar neles son unha competencia da Xunta, como indican os informes técnicos, era necesario que a Xunta aportase 70.000 euros, o 25% restante. Pero preferiron deixar escapar esa subvención que lles conseguira o Concello, imposibilitando a execución das obras a pesar da súa necesidade e de ser unha obriga do goberno galego”.
“As obras de eficiencia enerxética, ademais de supor un aforro no consumo das instalacións, supoñen a mellora das mesmas para evitar perdas caloríficas e lograr un maior confort das usuarias e usuarios”, sinalou Bouzó, lembrando que ademais das escolas unitarias existen centros educativos na vila “coas mesmas necesidades”.
É o caso, segundo indica o BNG, dos CEIP Nosa Señora dos Remedios e Fermín Bouza Brey, nos que a Corporación tamén solicitou que se realicen estas obras. “Ambas construcións superan os 50 anos, e a comunidade educativa leva máis de dúas décadas reclamando unha reforma integral que remate coas deficiencias que provocaron o paso dos anos e o fin da vida útil dos elementos”, advertiu Miguel Bouzó.
O Portavoz do BNG afeou ao Partido Popular que “durante os últimos anos a Xunta non ten realizado ningún investimento relevante nos colexios de Ponteareas, mentres en concellos próximos como Salvaterra de Miño ou Mos realiza obras eficiencia enerxética como as que leva anos reclamando a comunidade educativa ponteareá.”
Por último, coa iniciativa do BNG, Ponteareas demandou á Xunta cubrir o patio do aulario de infantil do CEIP Ramiro Sabell e dotar das instalacións necesarias aos CEIP de Santiago de Oliveira e Feliciano Barrera, en Guláns, “que a día de hoxe non contan con ximnasio, comedor escolar nin salón de usos múltiples”.