Ponteareas/BNG | O BNG denuncia unha agresión ambiental no Regato da Venda perpetrada polo Concello de Ponteareas.
O Bloque sinala que o Concello introduciu maquinaria pesada a través da senda para realizar de xeito mecanizado os traballos de limpeza neste espazo protexido, que até o momento se realizaban manualmente. Nas accións executadas, que tamén afectaron á propia senda polo paso da maquinaria, o Concello realizou unha roza descontrolada á beira do regato, con graves consecuencias para a súa biodiversidade.
“Destruíron unha zona vital para a conservación dos ecosistemas de ribeira, que supón un hábitat idóneo para diversas especies animais e vexetais e unha fonte de alimento para algunhas especies que alberga”, sinalou o BNG, que puxo os feitos en coñecemento das autoridades medioambientais.
“O goberno de Nava Castro e a dereita fan un lavado verde coa súa propaganda anunciando como pioneira unha estratexia de infraestrutura verde, pero despois agriden e desprotexen os valores ambientais dun espazo e dun ecosistema tan relevante para a nosa localidade como o Regato da Venda”, conclúe o Bloque.