BNG Ponteareas emenda os Orzamentos da Xunta de Galicia 2025

Priorizando as infraestruturas viarias e educativas ponteareáns

Ponteareas/BNG | O BNG informou en Ponteareas das propostas presentadas a modo de emenda aos Orzamentos da Xunta para 2025, que veñen de concluír este martes a súa tramitación parlamentar co rexeitamento por parte do Partido Popular.

A concelleira e deputada do BNG no Parlamento Galego, Cristina Fernández, destacou as propostas do Bloque para contemplar no Orzamento a mellora dos centros educativos de Ponteareas, así como para a mellora da seguridade viaria nas estradas autonómicas que atravesan a vila do Tea.

“É necesario completar as obras de eficiencia enerxética e actualización do CEIP Fermín Bouza Brey, un edificio de 50 anos que precisa dunha rehabilitación integral, e as aulas do Colexio Rural Agrupado A Picaraña. Así mesmo, cómpre dotar dunha vez por todas ao CEIP Santiago de Oliveira e o CEIP Feliciano Barrera de Guláns dun ximnasio no que poder desenvolver as súas actividades, e levar a cabo as obras solicitadas polos institutos ponteareáns e polo CEIP AS Veigas e CEIP Ramiro Sabell”, sinalou Fernández, que afirmou non entender por que “o goberno do PP na Xunta se posiciona en contra das necesidades da comunidade educativa ponteareá”.

En canto ás estradas, o BNG propuxo mobilizar as partidas económicas necesarias para mellora a seguridade viaria, peonil e ciclista en determinados tramos nas estradas autonómicas Prado – Pazos de Borbén (PO-252); Vilasobroso – Salvaterra de Miño (PO-402); Ponteareas – Salvaterra de Miño (PO-403),continuando as actuacións iniciadas nesta, e Mondariz-Ponteareas (PO-254), contemplando unha partida para a senda anunciada dende o punto quilométrico 0+520 até o cruce de A Freixa.

Outra dos eixos centrais das propostas do BNG, segundo sinalou Cristina Fernández, foi o saneamento do rural. “É necesario contemplar a execución da segunda fase do colector xeral de saneamento da parroquia de Ribadetea, e redacción do proxecto da terceira, cuarta e quinta fase do Plan Director. Ademais, toda vez que logramos a ampliación da depuradora, é momento de impulsar proxectos de saneamento nas parroquias ponteareás que carecen deste servizo básico”, sinalou Fernández, lembrando que “mentres o PP non acepta estas iniciativas, máis de 8.000 veciñas e veciños non teñen saneamento nas súas vivendas”.

Por último, a líder do BNG ponteareán sinalou a proposta de redacción dun proxecto para a construción dunha nova infraestrutura deportiva en Ponteareas para cubrir a demanda de clubs e deportistas, así como a restauración e mellora da Ponte dos Remedios e a protección de diversos elementos patrimoniais, como a Ponte das Partidas. “Unha vez máis, o PP actúa contra a veciñanza de Ponteareas rexeitando as iniciativas que melloran a vida das persoas”, concluíu Cristina Fernández.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.