Ponteareas/BNG | O BNG denuncia o estado de abandono no que o goberno de Ponteareas ten o parque infantil de Angoares, situado no barrio da Abilleira, que é o único en toda a parroquia.
“Despois de que no pasado mes de xullo ardera un elemento de xogo instalado, o concello aínda non o repuxo o elemento nin sequera retirou o ferros do chan, o que supón un grave perigo para as crianzas que o poidan utilizar”, sinala o Bloque.
Ademais, a formación nacionalista denuncia que “os elementos de xogo e os bancos están ocultos pola maleza”, e asegura que durante o último ano o Concello non realizou nin sequera a roza do terreo, tendo que facelo a veciñanza “avergoñada polo estado de abandono no que se atopaba”, segundo sinala a propia Comunidade de Montes da parroquia nun escrito presentado no Concello. No mesmo tamén advirte ao goberno tripartito que no caso de continuar esta desidia porán fin á cesión ao Concello do terreo no que se sitúa dito parque.
Para o BNG, este desleixo demostra “o pouco interese do goberno de Castro polo benestar da veciñanza, xa que está privando a crianzas e persoas maiores do goce do espazo público para a súa socialización”. O Bloque lamenta que “as prioridades do goberno son outras, e mentres gastan máis de 12.000€ nunha alfombra, non son capaces de substituír un simple elemento de xogo dun parque infantil”.