Ponteareas/BNG | O BNG reaccionou de urxencia ao borrador de orzamentos para 2024 presentado polo goberno de Nava Castro en Ponteareas.
O Bloque informa que “ao bordo da medianoite deste venres” o goberno local enviou a convocatoria para a comisión informativa de Contas. “Apuraron o tempo mínimo legal de dous días previos á súa celebración co fin de evitar que a oposición dispoña de tempo para analizar os documentos a fondo e para non deixar a marxe necesaria para realizar propostas de mellora”, apuntan.
“Nava Castro fuxe do diálogo e o consenso que tanto prometía o PP en campaña electoral. Preséntanos o borrador de orzamentos municipais con nocturnidade e aleivosía, esgotando os prazos para cumprir un trámite, sen interesarlle a participación dos demais grupos da Corporación no documento máis importante para o funcionamento do Concello”, denuncia o BNG.
En canto ao contido da documentación, o grupo líder da oposición fixo unha primeira valoración “á espera de realizar unha análise máis profunda e detallada”. O BNG alerta que “no primeiro contacto coa documentación xa detectamos que o orzamento ´express´ que pretende aprobar o tripartito conta con moitos erros e contén un informe desfavorable da interventora municipal”.
No referente á dotación orzamentaria, o Bloque lamenta que nun momento de encarecemento da vida como o actual, os orzamentos non teñan en conta “a complexa situación económica que están atravesando moitas familias ponteareás”.
Neste sentido, a formación nacionalista revela que “o tripartito de Castro reduce as partidas destinadas a axudas de emerxencia social, elimina as axudas a asociacións de interese social e as axudas a colectivos para investimentos en obras comunitarias”.
O BNG denuncia que se trata duns orzamentos “que en vez de aumentar a axuda a quen máis o precisa para non deixar a ninguén atrás, reduce a contía económica que xa destinara o anterior goberno. Unicamente duplican as subvencións ao deporte tras deixar aos clubs deportivos sen axudas do ano 2023, pero aos centros e casas culturais, que tamén deixaron sen subvención neste ano, non lles aumentan nin un só euro na partida prevista para o 2024”, aseguran.
A formación nacionalista sinalou que “malia ás presas do goberno de Castro para evitar a participación, o BNG fará un traballo intenso ligado aos orzamentos municipais e presentará propostas alternativas co obxectivo de mellorar a vida das veciñas e veciños de Ponteareas”.