BNG: “Ponteareas perde 65.000€ de fondos europeos EDUSI”

O seu voceiro Miguel Bouzó revela un posíbel fraude en cursos de formación

Ponteareas/BNG | O BNG deu a coñecer que o goberno de Nava Castro deixou sen executar 65.000 euros de fondos europeos EDUSI cos que contaba Ponteareas para a mellora da empregabilidade de colectivos en risco.

O portavoz municipal do BNG, Miguel Bouzó, informou que “o goberno do Bloque destinara 144.00 euros para este programa formativo. Cando chegou Nava Castro ao goberno, xa había un estudo previo de definición estratéxica para desenvolver o programa e impartir os cursos, pero en vez de centrarse en executalo decidiron priorizar o cambio de uso dos proxectos do Centro Cívico e a Nave de Aceiros”.

“Deixaron de lado unha cuestión tan importante como a formación para a inserción profesional de colectivos en risco para centrarse no seu capricho de crear un albergue con pensión completa para artistas, non sendo capaces de executar nin 80.000 euros dos 144.000 cos que atoparan para o programa de formación”, denunciou Bouzó.

Ademais, o BNG informou que porá en coñecemento das autoridades pertinentes o que consideran “unha posíbel contratación fraudulenta dos cursos executados”. O portavoz do Bloque afirmou que “o goberno local adxudicou a distintas empresas os contratos para impartir os cursos e publicou o alumnado seleccionado o venres 22 de decembro. O martes 26 de decembro xa estaban presentadas as facturas polos cursos que supostamente foran impartidos”.

“Nin a maxia do Nadal pode lograr que en catro días, incluíndo sábado, domingo de noiteboa e Nadal, se poidan impartir a totalidade de horas dos cursos formativos”, ironizou Bouzó, destacando que o goberno deulle conformidade e pagou esas facturas “por uns cursos que en realidade non estaban impartidos”.

O portavoz municipal do Bloque sinalou que “o BNG logrou a maior axuda de fondos europeos da historia de Ponteareas, conseguindo mobilizar seis millóns de euros para implementar accións de cara a transformar Ponteareas nun concello sostíbel, moderno e inclusivo, cunha maior calidade de vida.

Pola contra, a chegada da dereita ao goberno na fase final desta estratexia supuxo a perda dunha imporante parte destes fondos pola súa incapacidade para xustificar todas as accións realizadas”.

Así mesmo, Bouzó afirmou que “os chanchullos da dereita e os cambios para satisfacer os caprichos e ocorrencias electorais de Nava Castro supuxeron o atraso na execución das accións que estaban en marcha para rematar con tempo suficiente antes da finalización do prazo de execución. A súa obsesión con desfacer o traballo que estaba encamiñado polo anterior goberno supón un atranco ao futuro cheo de posibilidades co que contaba Ponteareas e provoca perdas de centos de miles de euros dos cartos de todas e todos”.