BNG: “Ponteareas perdeu case 300.000€ polo cambio de uso do Centro Cívico”

Chamou á mobilización cidadá contra o proxecto da Residencia de Artistas

Ponteareas/BNG | O BNG continúa facendo públicos datos do que consideran “unha desfeita” do goberno de Ponteareas no remate da execución e na xustificación dos fondos europeos da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostíbel Integrado (EDUSI) “Ponteareas, Hábitat Saudábel”.

A través do seu portavoz municipal, Miguel Bouzó, o Bloque explicou que “o goberno de Nava Castro perdeu case 300.000 euros coa súa decisión de colocar cociña e camas para un albergue con pensión completa para artistas no edificio da Praza Maior que se estaba rehabilitando co anterior goberno do BNG para crear un Centro Cívico para mocidade, asociacións, espazos culturais e para o benestar social”.

“A operación financiada superaba os 900.000 euros, pero os atrasos polo cambio de uso que decidiu a dereita para satisfacer o capricho de Nava Castro contribuíron a que non foran capaces de utilizar case 100.000 euros antes de que rematase o prazo de execución dos fondos. Ademais, o Organismo Intermedio da Autoridade de Xestión sancionou a Ponteareas retirándolle outros case 200.000 euros por distintas irregularidades relativas a esta obra”, informou Bouzó.

Neste sentido, o portavoz do BNG explica que “dadas as diversas irregularidades detectadas, o Organismo Intermedio aplicou unha corrección do 25% sobre o gasto declarado polo Concello, por ser a porcentaxe correspondente á irregularidade máis grave. No caso de acumular as correccións por todas as irregularidades, terían retirado unha cantidade maior”. En calquera caso, o Bloque sinala que “as perdas aínda poderán ser maiores unha vez que a autoridade de xestión realice auditorías para comprobar que o diñeiro procedente da Unión Europea se utilizou para a finalidade para a que foi concedido”.

“As ocorrencias e a incompetencia de Castro e a dereita supoñen graves prexuízos para a veciñanza e para a situación económica do concello”, sinalou Bouzó, lamentando que “todas as perdas de fondos europeos por irregularidades implican a súa reposición con diñeiro municipal que debera ser destinado a cubrir outras necesidades da veciñanza”.

O BNG afirma que “o goberno de Nava Castro pretende agora inaugurar con honras un espazo que foi usurpado aos colectivos sociais da vila para ser usado por unha minoría, en contra dos procesos limpos e transparentes nos que participaron diversas entidades e persoas que reclamaban un espazo coas características do que o BNG pretendía pór en marcha tras adquirir este edificio”.

“Chamamos á veciñanza a mobilizarse e participar na concentración convocada o sábado 26 de outubro ás 12:00 ante o edificio do Centro Cívico, coincidindo coa súa inauguración, para amosar o rexeitamento da sociedade ponteareá ás fantochadas coas que Nava Castro pretende facer propaganda a costa de prexudicar á veciñanza, especialmente á mocidade e aos colectivos sociais ponteareáns que adoecen de espazos onde desenvolver a súa actividade”.

O portavoz municipal do Bloque lembrou que “o BNG logrou a maior axuda de fondos europeos da historia de Ponteareas, conseguindo mobilizar seis millóns de euros para implementar accións de cara a transformar Ponteareas nun concello sostíbel, moderno e inclusivo, cunha maior calidade de vida. Pola contra, a chegada da dereita ao goberno na fase final desta estratexia e a súa incapacidade supuxo a perda dunha imporante parte destes fondos e a deturpación de gran parte do acadado”. “Os seus chanchullos e súa obsesión por satisfacer os caprichos e ocorrencias electorais de Nava Castro, desfacendo o traballo que estaba encamiñado polo anterior goberno, supón un atranco ao futuro cheo de posibilidades co que contaba Ponteareas”, conclúe o Bloque.