BNG Ponteareas recollerá sinaturas pola Sanidade Pública

Denuncian cinco semanas para unha cita ou miles de persoas sen médico

Ponteareas/BNG | O BNG iniciou este xoves unha recollida de sinaturas entre a veciñanza de Ponteareas para esixir que a Xunta dote o centro de saúde da localidade do persoal sanitario suficiente para unha atención sanitaria digna.

Ás portas do centro de saúde, onde o Bloque continuará recollendo sinaturas nos vindeiros días, a concelleira do BNG e deputada no Parlamento Galego, Cristina Fernández Davila, sinalou que “a situación da sanidade pública é alarmante. A falta de persoal provoca que miles de veciñas e veciños de Ponteareas non teñan médica ou médico asignado, que supriman a quenda de tarde e que en moitos casos as persoas doentes teñan que agardar máis de cinco semanas para obter unha cita. Isto provoca que a veciñanza se vexa obrigada a acudir a Urxencias e se sature tamén este servizo”.

Por outra banda, Fernández Davila lembra que “a Unidade de Saúde Mental, que atende á veciñanza de toda a comarca, está tamén colapsada”, e considera “aterrador que persoas que precisan axuda teñan que agardar case un ano para ter cita co único psicólogo existente”.

“Mentres a veciñanza se desespera, os gobernos do PP no Concello e na Xunta despregan unha cortina de fume falando da construción dun novo centro de saúde, que se situará fronte a clínica privada familiar da concelleira do PP, Raquel Plana. O que precisa Ponteareas con urxencia é persoal médico para o centro de saúde actual, non un edificio novo que non resolverá nada se continúa sen profesionais”, declarou Cristina Fernández.

A deputada e concelleira do BNG sinalou que “hai profesionais abondo, que recibiron formación e están dispostas a dar o mellor de si na sanidade pública galega, pero as condicións precarias que a Xunta lles ofrece fai que decidan marchar traballar fóra, cunhas condicións dignas”.

Finalmente, o Bloque anima á veciñanza a apoiar esta reivindicación coa súa sinatura e a mobilizarse e participar nas convocatorias realizadas pola Plataforma en defensa da sanidade pública do Condado e A Paradanta. “Non podemos permitir que o Partido Popular siga xogando coa nosa saúde, está en xogo a vida das persoas”, concluíu o BNG.