BNG Ponteareas urxe a mellora na EP-2703

No barrio da Ponte debido ás chuvias

Ponteareas/BNG | O BNG reclama en Ponteareas unha mellora integral da estrada provincial EP-2703 -que conecta con Pazos de Borbén- no treito que discorre polo barrio da Ponte. O Bloque, que trasladará a iniciativa ao Pleno municipal para solicitar estas actuacións á Deputación, advirte que as chuvias, moi intensas nos pasados días, están a provocar inundacións en vivendas e afundimentos da calzada polas deficiencias nas canalizacións de pluviais.

Ademais, a formación nacionalista reclama tamén unha actuación xeral en toda a vía para aumentar a seguridade viaria e a mobilidade peonil, dado que a estrada soporta un gran tránsito de vehículos, incluso pesados, sen que haxa itinerarios seguros para que as persoas poidan circular polas marxes.

A demanda xorde despois dunha visita realizada polo grupo nacionalista ao barrio da Ponte acompañado da deputada provincial Manuela Rodríguez. Alí coñeceron ‘in situ’ a problemática que está a vivir a veciñanza da zona, que sofre especialmente o deterioro da estrada provincial e a súa perigosidade. Unha das principais deficiencias está na canalización das augas pluviais, nalgúns casos inexistente, e nas zonas onde hai vivendas nas marxes, con tubaxes e arquetas totalmente rebentadas e taponadas. Ao non cumprir a súa función de drenaxe, apuntan, prodúcense láminas de auga e verdadeiros ríos en superficie sobre o asfalto que entran nas casas.

Segundo a veciñanza da zona explicou aos membros do BNG, houbo momentos nos días de chuvia das últimas semanas nos que para saír do coche e acceder ás vivendas non era posible nin abrir as portas dos vehículos pola forza da auga. “Houbo quen tivo que saír pola fiestra e sacar polo aire aos seus fillos”, subliña unha afectada.“A situación estase a volver aínda máis perigosa”, advirten, porque a forza da auga está a traballar arrastrando terras subterráneas, creando fochas e afundimentos na propia estrada que cada vez son máis amplos e frecuentes. Nalgúns casos son as e os propios veciños as que están a sinalizar os buratos para evitar que os coches e as persoas que circulan por alí caian e se produzan danos.

A esta problemática, que se está a agravar polo mal tempo, súmase a perigosidade ‘intrínseca’ da estrada, que soporta unha alta densidade de tráfico, cunha intensidade media diaria de arredor de 2.500 vehículos, con moitos camións pola proximidade de empresas con movemento, como Confitería Ancla, Tesis ou Transportes Barral, entre outras, e pola localización do CDL de Ponteareas. A velocidade da circulación, sosteñen as nacionalistas, tamén adoita ser elevada e ademais apenas hai espazo nas marxes da estrada para que as persoas poidan pasar camiñando, polo que o tránsito peonil é moi arriscado.

Por todo isto, dende o BNG demandarán á Deputación unha actuación integral que mellore a mobilidade peonil construíndo sendas ou itinerarios peonís seguros, ademais de resolver os problemas existentes coas canalizacións das augas pluviais. Apuntan que “é urxente solucionar a drenaxe das augas de escorrentía e crear cunetas de seguridade, ademais de habilitar zonas de convivencia entre tráfico rodado e peonil onde sexa necesario, así como instalar elementos de calmado da velocidade, entre outras actuacións”.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.