O Porriño/BNG | O alcalde está a difundir nun comunicado de prensa do Concello información falsa sobre a axuda que o Concello do Porriño aporta ao Festival de Cans. Afirma que o goberno que dirixe vén de duplicar agora esta axuda, de 20.000 a 45.000€, cando a cantidade que se incrementa é de 5.000€.
Realmente foi no ano 2021 cando a Concellaría de Cultura, dirixida na altura pola compañeira do BNG Cami Moreira, duplicou a aportación que o Concello do Porriño destina ao Festival de Cans, pasando de 20.000 a 40.000€.
A cambio deste importante incremento, a organización do festival comprométese desde aquela a asumir parte da loxística do evento e a proxectar curtametraxes nas parroquias e nos barrios do Porriño ao longo do ano.
O que realmente se aprobou no pleno da semana pasada, co voto a favor do BNG, foi unha actualización da partida, polo que a aportación municipal pasa a ser agora de 5.000€ máis.
Desde o BNG levamos tempo advertindo que Alejandro Lorenzo pretende subvencionar a súa campaña electoral particular cos cartos dos veciños e veciñas do Porriño. O uso partidista e propagandístico da comunicación oficial do Concello e das súas redes sociais oficiais non ten límites e é impropia dun alcalde honesto.
“Non é a primeira vez que os comunicados oficiais do Concello serven para difundir mentiras do alcalde. Parécenos especialmente grave que se pretenda empregar en beneficio propio o traballo do asociacionismo cultural do municipio”, declarou o candidato do Bloque, Pedro Pereira.