O Porriño/BNG | O PP acaba de anunciar un novo dragado e a modificación do río Louro. O BNG advirte que esta dúas actuacións son contrarias á protección que se acordara para o río e a súa contorna. A forza nacionalista solicítalle ó goberno local conservador que cumpra o aprobado no Pleno do Porriño e recoñeza o Louro como espazo protexido E.N.I.L.
Tras o anuncio do goberno do PP do Porriño dun novo dragado no Paseo do Louro e a ampliación do leito do río a través dos Fondos Europeos, o BNG considera unha irresponsabilidade este novo ataque do Partido Popular ó río Louro. Afectará gravemente a vexetación e a avifauna do bosque de ribeira no Paseo do Louro, cuxa vitalidade hoxe depende da cota do río e da velocidade da corrente. As consecuencias serían tamén patentes nas Lagoas Naturais das Gándaras de Budiño, ecosistemas protexidos da Rede Natura das Gándaras de Budiño, pois o menor fluxo de auga aceleraría a colmatación das lagoas naturais, a súa desaparición rápida e a das especies de aves anátidas asociadas.
“Estamos ante unha nova agresión ambiental proposta sen criterio nin coñecemento do goberno de Alejandro no Porriño. que se suma ás moitas outras feitas nestes escasos dous anos de mandato. O río Louro no Porriño recibiu os desbroces incontrolados con plásticos para os concertos do Festival Negrita; as cortas de especies bioinvasoras agresivas (Fallopia japonica), controladas pola Xunta, sen ningún tipo de permiso; ou as denuncias ambientais ao Concello do Porriño a través de Asociación Verdegaia por infraccións ambientais na conca do río Louro ante a Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia.
O goberno de Alejandro Lorenzo, aínda que no Porriño agoche as súas siglas, funciona aquí igual que o PP no Parlamento Galego: mostrando falta de respecto polo medio. Imos exixir que o goberno de Alejandro cumpra coa protección real do Louro no Porriño a través do ENIL para converter o río nun espazo de goce e de coñecemento do patrimonio natural que atravesa O Porriño”.