Estrasburgo | Co obxectivo de que Galiza conte en Europa en todos os eidos, a eurodeputada do Bloque, Ana Miranda, e o presidente da Fundación Galiza Sempre, Rubén Cela, participan no congreso da Alianza Libre Europea (ALE) que se celebra hoxe e mañá na cidade francesa de Estrasburgo. Na actualidade, a ALE reúne a un total de 41 partidos de 19 estados europeos e este congreso será o último antes das vindeiras eleccións europeas do 9 de xuño de 2024.
A eurodeputada nacionalista subliña que dende a Alianza Libre Europea “no BNG defendemos os intereses de Galiza en Europa na defensa dunha Europa dos Pobos na que Galiza conte desde todos os eidos, na que sexa escoitada, respectada e tida en conta”. Neste sentido afirma que necesitamos “unha nova Europa na que todos os pobos conten e na que se avance no dereito á libre determinación dos pobos e que respecte a diversidade cultural e lingüística que signifique máis democracia e máis transparencia”.
Estas ideas plásmanse nun manifesto conxunto da ALE -enfocado ás eleccións europeas de 2024- que recolle asemade as preocupacións e reivindicacións das persoas que máis estás sufrindo as consecuencias da crise enerxética e do cambio climático.
Ao respecto, Ana Miranda explica que o documento destaca a necesidade de desenvolver unha política que protexa os recursos produtivos que se concilie cunha transición xusta “tendo en conta a situación de moitos territorios como o galego, que padecemos políticas de desindustrialización pero non se nos dan alternativas”.
Neste contexto, no que tamén se amosa a solidariedade co Pobo Palestino e o Pobo Saharauí, a eurodeputada nacionalista intervirá no congreso para explicar o traballo desenvolvido polo Bloque no Parlamento Europeo non só na defensa dos intereses dos sectores produtivos galegos, senón tamén na loita contra o avance do neofascismo, na defensa das vítimas do Alvia ou no respecto polo medio ambiente e o patrimonio cultural galegos.
Ademais, tanto Miranda como Cela manterán diversos encontros cos representantes dos partidos participantes no congreso así como co presidente da Fundación Coppieters, Xabier Macías.