Mondariz/BNG/PSdeG | Alternativa por Mondariz (AporM) evidencia unha clara incapacidade para xestionar e gobernar o Concello de Mondariz. Case un ano despois de chegar á Alcaldía de Mondariz, AporM segue sen asumir a súa responsabilidade de xestión política no Goberno municipal e acusa ao anterior executivo de BNG-PSOE de ter deixado unha suposta débeda de case un millón de euros no Concello de Mondariz.
Esta declaración, a xuízo dos partidos da coalición de goberno do período 2019-23 (BNG-PSOE), só busca manipular a realidade e desviar a atención para frear o aluvión de queixas veciñais que está recibindo o Goberno municipal de AporM pola súa caótica xestión. Un décifit orzamentario crónico xa coñecido Desde 2019, a coalición de goberno formada por BNG e PSOE vén comunicando publicamente que Mondariz é un concello cun problema de déficit orzamentario crónico (máis gastos que ingresos) que hai que solucionar a través de decisións políticas.
Durante catro anos, todos os partidos representados na Corporación Municipal recibiron información detallada sobre a situación económica-financeira do Concello. Tamén se lle deu conta disto á veciñanza a través dos encontros nas parroquias. Naquel momento, AporM –particularmente o actual alcalde, Xoán Carlos Montes– tachábanos de “choróns” por ser claros no diagnóstico.
Esta é unha realidade que non pode pasar inadvertida para un alcalde que xa tivo o bastón de mando durante o período 2015-19. Naquel momento, AporM non só ocultou deliberadamente a situación deficitaria do Concello, senón que provocou un importante incremento do déficit xa existente con impagamentos (ocultados) ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar polo centro de día (uns 100.000 euros que finalmente tivo que xestionar o Goberno de BNG-PSOE) ou con pagamentos sen contrastar debidamente (75.000 euros) ao Concello de Mondariz Balneario pola depuración de augas residuais.
O déficit xa existente en 2019 viuse notablemente aumentado con estas dúas actuacións, que non corresponden a ningún investimento que supoña unha mellora de servizos públicos. Así mesmo, tanto BNG como PSOE queren lembrar que, a través das Comisións de Facenda celebradas trimestralmente durante o período de goberno 2019-23, toda a oposición –AporM incluído– recibiu información detallada polo miúdo da situación económica-financeira. Nunca antes houbera tanta transparencia no Concello.
O sorprendente é que, en todas e cada unha destas comisións especiais, AporM cobraba as asistencias pero nunca tiña nada que dicir nin que aportar sobre as situacións das que se informaba, facendo oídos xordos ao que alí se expuña, e respondéndolle ao concelleiro de Facenda, mesmo nos Plenos da Corporación Municipal que están gravados, que “deixara de chorar”.
Os partidos que gobernaron durante os anos 2019-23 realizaron un arduo traballo de análise e diagnose de problemas estruturais para buscar solucións políticas que permitan corrixir o desequilibrio económico municipal a partir do ano 2024-25. A estratexia de botar balóns fóra para eludir responsabilidades e críticas á súa xestión que ten AporM desde a Alcaldía afonda aínda máis no problema. Mondariz precisa un Goberno decidido, con ideas e con capacidade de levalas a cabo.
A día de hoxe, AporM non é capaz de xestionar un Concello deficitario que precisa de importantes reformas estruturais. AporM non fixo os deberes en 2023 e a situación agrávase día a día A gravidade da inacción ou incapacidade de AporM chega ata o punto de que o anterior Goberno municipal deixou claramente definida, nun documento de traspaso de poderes rexistrado en xuño de 2023, a liña a seguir para poder xestionar debidamente a situación de déficit. Entre as medidas recomendadas que se deberían ter aplicado desde mediados de 2023 –deberes que AporM non fixo estando xa no Goberno municipal– destaca a aprobación “inexcusable” dun novo orzamento para o ano 2023. A día de hoxe, o orzamento municipal segue ser estar actualizado e non hai proxecto á vista.
Cos datos que dispoñemos agora mesmo, podemos afirmar que AporM mesmo agravou a situación económica-financeira do Concello neste primeiro ano de mandato, pois non fixo uso da totalidade do remanente sen utilizar do ano anterior, nin mobilizou os maiores ingresos producidos, nin usou a totalidade dos créditos de gasto. A todo isto súmase a non aplicación doutros procedementos extraordinarios de pago como a chamada conta 555 (partidas pendentes de aplicación), que emprega os excedentes bancarios ata a chegada dos ingresos das subvencións xa concedidas e xustificadas. Medidas políticas como estas, porén, seguen sen ser xestionadas polo grupo de “Calis”.
“Cos datos que dispoñemos agora mesmo, podemos afirmar que AporM mesmo agravou a situación económica-financeira do Concello neste primeiro ano de mandato”
Unha vez analizada a liquidación do orzamento do ano 2023 –posta á nosa disposición desde o venres, 5 de abril– os partidos que formaron parte do anterior Goberno darán cumprida resposta á información que se avanzou publicamente. Non caben excusas para o desgoberno diante dunha situación que era coñecida por todos. Había información e o anterior Goberno municipal tiña un plan a seguir para controlar a situación. Hoxe en día, esta foi agravada polo desleixo de AporM. O máis sensato e honesto coa veciñanza que confiou nas súas promesas sería asumir a súa responsabilidade política e dar un paso ao lado se se considera incapaz de gobernar o Concello de Mondariz.