Santiago de Compostela/BNG | No octavo aniversario do accidente de Angrois, o BNG volveu acompañar ás vítimas e os seus familiares no percorrido polas rúas de Compostela e na reclamación de xustiza, verdade e reparación.
“Desde o primeiro minuto o Bloque estivemos ao carón das vítimas e así seguiremos, buscando todas as canles posibles nas administracións para acadar estes obxectivos de xustiza, verdade e reparacións”, subliñaron as nacionalistas.
Neste sentido, a portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, avanzou que a vindeira semana manterá un encontro co director de Transporte Terrestre da Dirección Xeral de Mobilidade da Comisión Europea, Kristian Schmidt, co obxectivo de coñecer os avances existentes no procedemento de infracción aberto contra o Estado español en xaneiro de 2019 por incumprimento da normativa comunitaria de seguridade ferroviaria.
Miranda lembra que en resposta a diferentes preguntas presentadas polo BNG a través da coalición europea na que está integrado, a propia Comisión Europea recoñeceu que mantén contacto coas autoridades españolas sobre este procedemento, pese aos continuos atrasos no cumprimento dos requirimentos esixidos.
“É un escándalo que oito anos despois do accidente e dous e medios despois da apertura do procedemento teñamos que seguir demandando que se aplique a normativa europea”
“Queremos saber en que punto está o cumprimento do procedemento de infracción. É un escándalo que oito anos despois do accidente e dous e medios despois da apertura do procedemento teñamos que seguir demandando que se aplique a normativa europea”, salienta.
Depuración de responsabilidades
Pola súa banda, o deputado no Congreso Néstor Rego subliñou que o Bloque vén de rexistrar, conxuntamente con ERC e EH Bildu, a solicitude para a creación dunha Comisión de Investigación que esclareza as causas do accidente do Alvia, retomando os traballos da Comisión creada en 2018 na cámara baixa e que viu truncada a súa actividade pola disolución das cortes en abril do ano seguinte.
Segundo destaca Rego, “cómpre continuar as investigacións en sede parlamentaria” e que se depuren responsabilidades, tendo en conta que a instrución xudicial, pechada no pasado mes de abril, só deixa como imputados un xefe de seguranza do xestor ferroviario de infraestruturas (ADI F) e o maquinista do tren accidentado. “Fronte aos continuos retrasos por parte do goberno do Estado no cumprimento das directrices comunitarias, no BNG continuamos facendo propostas para avanzar no cumprimento da normativa europea”, salientan as nacionalistas en referencia ás propostas presentadas tanto no Parlamento Galego, como no Congreso e no Parlamento Europeo.
Na marcha convocada pola Plataforma de Vítimas do Alvia, ademais de Miranda e Rego participaron tamén a deputada no Parlamento Galego, Rosana Pérez, -que tivo un papel moi activo neste tema na súa anterior etapa no Congreso-, e a portavoz do Bloque en Compostela, Goretti Sanmartín.