Salceda de Caselas/BNG | A transición enerxética, unha necesidade que se vén pondo na mesa da opinión pública desde hai anos, polos grupos ecoloxistas e organizacións adicadas á conservación do medio ambiente, agranda o paso a medida en que a nova situación social e sanitaria, provocada pola pandemia da COVID-19, trouxo un impacto na conciencia cidadá sobre os efectos do cambio climático na vida e a saúde das persoas.
O Concello de Salceda de Caselas, en febreiro do 2019, acorda adherirse á iniciativa europea Pacto pola enerxía e o clima que procura “mellorar a eficiencia enerxética no ámbito urbano, conseguir unha redución das emisións de CO2 no ámbito territorial local e aumentar a resiliencia fronte ao cambio climático”. Comprometéndose o Concello “a redactar un Plan de Acción para a Enerxía Sostible e o Clima (PACES), nun prazo máximo de dous anos desde a data de adhesión.”.
Dende entón a única acción concreta que se coñece foi a de convocar unha sesión urxente do Pleno do Concello, o pasado 30 de novembro do 2020, co fin de “non perder unha subvención”.
O BNG considera que o goberno municipal de Salceda ten que acometer accións reais e efectivas; que veñan por de manifesto diante da cidadanía decisións e apoio a novos xeitos de mobilidade; respectuosos coa natureza e coa saúde das persoas. Ninguén pode negar que o transporte, público e privado, forma parte dos elementos de consumo de enerxía que axudan máis activamente ao quecemento global.
Todo isto obriga ao concello de Salceda de Caselas a implicarse na realización de infraestruturas que faciliten a mudanza dos medios de mobilidade. A tal efecto o BNG presentou a seguinte proposta para que o Pleno co Concello acorde:
1. Que se dote á veciñanza dunha infraestrutura de carga eléctrica, con capacidade mínima para 2 vehículos ao mesmo tempo, segundo os criterios técnicos máis acaidos, en consonancia coa información técnica que faciliten as empresas especializadas e interesadas na instalación.
2. Que se revise a ordenanza municipal referente ao IVTM, procedendo a establecer bonificacións no devandito imposto para os vehículos que teñan algunha contribución á redución de CO2, en diferentes escalas segundo a emisión sexa menor, isto é, os vehículos híbridos (HEV e PHEV) ou eléctricos puros (EV).
3. Que se dote a cada vehículo domiciliado no Concello de Salceda de Caselas dunha tarxeta para recarga eléctrica (nos casos de vehículos PHEV ou EV) de balde os primeiros 5 anos. Establecer tarifas accesibles para vehículos de non residentes.
4. Que os próximos vehículos adquiridos polo Concello de Salceda se correspondan tecnicamente cos modelos técnicos relacionados anteriormente.
5. Que se fixe a década 2021-2030 como etapa de transición a un modelo exclusivamente eléctrico, para todo o parque móbil do Concello de Salceda deCaselas.