Salvaterra de Miño | O Bloque Nacionalista Galego (BNG) denunciou este 28 de decembro a través dun comunicado unha “alerta epidemiolóxica” na localidade de Salvaterra de Miño por “beber auga da traída”. As persoas afectadas foron atendidas no PAC de Ponteareas.
Segundo informou a formación nacionalista a través dun comunicado, o pasado sábado 24 de decembro tívose coñecemento, a través de varias canles así como do SERGAS, dun “importante número de persoas” de Salvaterra afectadas por gastroenterite. Non obstante, o comunicado considera que as informacións “non son concluíntes”.
Tal e como sinalou o BNG, as primeiras informacións “apuntan a que un dos focos atópase no colexio Infante Felipe” e que “podería ter relación co feito de beber auga da traída”, un servizo xestionado polo Concello de Salvaterra.
BNG Salvaterra considerou a actitude do goberno municipal como “irresponsable” toda vez solicitou información ao Concello que, pola súa banda e segundo afirma esta formación política, “negou as denuncias polas redes sociais sen facer ningún tipo de recomendación aos veciños”.
O BNG solicitou ao Concello a análise da auga do mes de decembro para comprobar a súa potabilidade e asegurou que “seguimos agardando ás conclusións da investigación sanitaria que se está levando a cabo”.
O Concello responde: “non houbo alerta sanitaria”
Pola súa banda, a alcaldesa de Salvaterra, Marta Valcárcel, asegurou que “sí produciuse un incremento dos casos de gastroenterite” pero que “aínda se descoñecen as causas”, toda vez informou que dende a dirección xeral de Sanidade Pública “non houbo alerta sanitaria”.
Non obstante, Sanidade Pública confirmou que, nas mostras realizadas ás persoas con diarrea, detectouse Norovirus, un virus gastrointestinal que se transmite de persoa a persoa, con moi elevada transmisibilidade en 24, 48 horas de incubación. Con todo, informan dende o Concello, “non se pode asociar, a día de hoxe, o brote do consumo de auga e continúase cos estudos necesarios”.
“Sanidade Pública confirmou que, nas mostras realizadas ás persoas con diarrea, detectouse Norovirus, un virus gastrointestinal”
O Concello informou que nestes días lévase feito un seguimento continuo con Sanidade ao brote de gastroenterites que se detectou no municipio. A parte das análises e controis que fai o Concello á auga da traída e que, segundo informan do Concello, “sempre deron ben”, Sanidade Pública fixo varios controis, segundo o seu protocolo, a parte de coller mostras as persoas afectadas.
Dende Sanidade comunicaron que todos os parámetros de microbioloxía nas mostras de auga tomada “dan ben” e que se continúa coa analítica completa das mesmas. “A auga é potable, detectouse un incremento da turbidez, pero é apta para o consumo. Estase facendo un estudo de vínculo epidemiolóxico, con enquisa a todos os que teñen síntomas e proba de microbioloxía” informaron dende o Concello.
Nas súas redes sociais, o Concello partillou os resultados da mostra tomada o día xoves 29 de decembro na entrada xeral dun edificio de Salvaterra, na que “os resultados polo momento son correctos”. Aseguraron que para o luns 2 de xaneiro de 2023 “ampliaremos a información da parte micro destas mesmas mostras”.