O Porriño/BNG | Durante a reunión que os grupos políticos da corporación do Porriño mantiveron onte no concello coa directora de Explotación e Construción do Adif, o BNG manifestoulle a súa oposición á intención por parte do ministerio de Fomento de querer perpetuar o paso a nivel do Porriño. Non podemos aceptar a estas alturas que se nos plantexe como solución un paso soterrado para peóns e un elevado para vehículos. Na práctica iso suporía consolidar o actual estado de cousas e manter o problema durante décadas.
Temos que lembrar que en 2006 o ministerio tiña bastante avanzados os proxectos da saída sur Vigo-Tui e un cambio no trazado da liña Tui-Redondela que pasa polo centro do Porriño. Este proxecto estivo a exposición pública e o concello do Porriño, daquela, presentou alegacións que nunca foron respostadas polo ministerio. Tempo despois, en 2010, Fomento presenta un novo estudo informativo da saída sur Vigo-Tui no que para nada se contemplaba sacar o tren do centro do Porriño. É dicir, sen dar máis explicacións nin comunicar ningún cambio aos concellos afectados (O Porriño e Mos), o ministerio metía nun caixón a variante e desbotaba por completo calquera posibilidade de quitar as vías de ferrocarril do centro do Porriño. A idea do Goberno central é manter a liña Tui-Redondela como vía para mercadorías, sen importarlle os danos que iso causa no Porriño. Na reunión de onte a responsable do Adif comunicou que se segue traballando nesa idea. Isto para nós é inadmisible.
Por que se desbotou un proxecto que estaba xa bastante avanzado? Por que non se contestaron as alegacións? Son preguntas que o BNG plantexou na reunión de onte e que non teñen resposta por parte do Adif.
Dende o BNG esixímoslle ao Adif que retome variante cara Redondela por fora do centro urbano, se propoñan trazados para consensuar cos concellos e que se fixen prazos concretos para os estudos técnicos e a redacción dos proxectos. Calquera demora inxustificada neses traballos significaría que Fomento non ten interese en resolver o problema. Entrementres, o BNG só aceptará obras de mellora da seguridade para peóns e vehículos no paso a nivel. Convidamos ao resto dos grupos políticos a manter unha posición unánime de toda a corporación na esixencia dun cambio de trazado como única solución de futuro para o tren no Porriño.